Nin Balaídos nin pantalla xigante para os afeccionados do Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

CEDIDA

Ravella descarta a petición do club para evitar un posible escenario de contaxio

17 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A directiva do Arousa dirixírase hai uns días ao goberno local de Vilagarcía para solicitarlle a colocación dunha pantalla xigante na Praza de Galicia desde a que socios e demais afeccionados puideran ver este domingo a semifinal da fase de ascenso exprés á Segunda B entre o Ourense C.F. e o equipo arlequinado. Unha solución coa que o club pretendía resarcir os seus seareiros, logo de que a Real Federación Galega de Fútbol optase finalmente por descartar a presenza de público nas gradas do estadio vigués de Balaídos para os dous duelos dos que sairán os finalistas da fase.

Na mesma liña cá Federación, o goberno local vilagarcián comunicoulle onte ao club que «tal e como está a situación respecto á pandemia e que comeza haber rebrotes imos evitar riscos» de contaxio do covid-19. Porque, por moitas medidas hixiénico-sanitarias e de distanciamento social que se apliquen entre os afeccionados, sempre existirá o perigo de que nun momento de euforia regalado polo seu equipo acaben, por exemplo, abrazándose.

Os seareiros poden recoller as súas camisetas conmemorativas deste onte á tarde

Onte á tarde, a tres días do pitido inicial do Ourense C.F.-Arousa, o club arlequinado comezaba a entregar as 238 camisetas conmemorativas da fase de ascenso encargadas pola afección do equipo, a 30 euros cada unha. Unha forma de facerlles sentir aos homes de Rafa Sáez o seu apoio, compartindo a equipación exclusiva que estes estrearán o domingo.