Visto para sentenza o xuízo que dirimirá a indemnización polo caso do ex utillero do Arousa

Fútbol A declaración do traballador municipal que subíu o accidentado á cuberta da Lomba pechou onte a fase procesal

CAPOTILLO

vilagarcía / la voz

Pouco menos de media hora. Ese foi o tempo que levou na mañá de onte rematar a fase procesal da terceira e última peza xudicial do caso Pepe el utillero. No Xulgado do Social Número 3 de Pontevedra as partes implicadas na reclamación dunha indemnización por danos e prexuízos e mais o titular da sala escoitaron o testemuño de F.J.V.M., o traballador municipal que o 9 de abril do 2015 subía nun guindastre a José Manuel García Bello ao alto da cuberta de preferencia do estadio municipal da Lomba para recoller uns balóns; a estrutura cedeu, e o empregado do Arousa caeu ao baleiro sufrindo lesións graves que remataron coa súa incapacitación laboral.

O traballador municipal adscrito á Fundación de Deportes, ente xestor das infraestruturas deportivas do Concello de Vilagarcía, declarou que tiña ordes de traballar con disponibilidade para labores de apoio ao Arousa, escusándose con todo de calquera responsabilidade no accidente de José Manuel García Bello.

Oído o seu testemuño e, acto seguido, tamén as conclusións das partes afectadas polo procedemento xudicial, isto é, dos avogados do antigo operario do Arousa, como demandante, do club, da Fundación de Deportes e mais do Concello, o xuíz do caso está en disposición de redactar e ditar unha sentenza. Non sen antes escoitar o ministerio fiscal para coñecer o seu criterio sobre a alegación por parte do Concello de Vilagarcía sostendo que a cuestión que se xulga escapa da xurisdición social, sendo a contenciosa administrativa a vía competente para dirimir o caso. Con todo, no Arousa agardan unha pronta resolución ao tema, confiando en que a indemnización por danos e prexuízos, que supera os 300.000 euros por parte do demandante, acabe reducíndose sensiblemente na súa contía, e tanto ou máis importante inda para o Arousa, se divida finalmente entre as partes acusadas. De redactarse o fallo xudicial nesta liña, o Arousa podería evitar unha nova sangría económica en tanto os seguros de responsabilidade civil do Concello, da Fundación e da propia sociedade deportiva cubrirían da orde duns 90.000 euros cada un.

Compre lembrar que o Arousa xa houbo de activar unha póliza de crédito para cubrir os algo máis de 200.000 euros aos que foi condenado con anterioridade en concepto de pensión e de compensacións a José Manuel García na vía xudicial laboral. Ademais, houbo unha peza penal do caso, na que un acordo entre as partes rematou cunha multa de 1.620 euros a Manolo Abalo e coa retirada dunha petición de 3 anos de cárcera para o presidente arlequinado.

A directiva arlequinada dá por feito que a fase se terá que xogar sen público

A seis días da semifinal co Ourense C.F., na directiva do Arousa amosábanse máis pesimistas ca nunca respecto á posibilidade de que a Real Federación Galega de Fútbol remate asumindo o risco de permitir a celebración da fase de ascenso exprés do grupo galego da Terceira con público nas bancadas do estadio de Balaídos.

«Eu case descarto o público», declaraba onte o presidente arlequinado, Manolo Abalo. «Se hoxe -por onte- non se confirma o si vai ser difícil, xa pola expedición das entradas e a súa venda», di. Con todo, máis aló da cuestión meramente organizativa, o mandatario salienta o atranco que supón a situación xeral nestes tempos de pandemia: «Entre o repunte da Mariña, a celebración do -ascenso- do Cádiz...». Non semella que o panorama nin o comportamento máis recente dos afeccionados en España con motivos para alegrías como as dun ascenso inviten ás autoridades competentes a abrir a man das actuais restricións.

O alcalde e oito directivos

Así as cousas, semella que os únicos que poderán gozar da semifinal do Ourense C.F.-Arousa polo bando vilagarcián máis aló dos 30 xogadores e integrantes do corpo técnico serán os oito directivos do club arlequinado autorizados pola Real Federación Galega de Fútbol e mais o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. A presenza deste último, como a dos seus homólogos de Santiago, do Barco e de Ourense, obedece a unha petición conxunta dos presidentes dos clubs na fase á RFGF.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Visto para sentenza o xuízo que dirimirá a indemnización polo caso do ex utillero do Arousa