O Arousa eleva esta semana o seu traballo á máxima intensidade

Fútbol O corpo técnico arlequinado programa completar a carga física o sábado e concentrarse desde o vindeiro luns na preparación táctica da semifinal co Ourense C.F.


vilagarcía / la voz

Xogadores e corpo técnico do Arousa iniciaron onte a cuarta das seis semanas de pretempada destinadas a chegar na mellor das condicións ao duelo do 19 de xullo co Ourense C.F. por un posto na final polo ascenso a Segunda División B. Un camiño longo, no que a obsesión do grande estratega das tropas arlequinadas, Rafa Sáez, foi desde o primeiro día blindar os seus futbolistas contra a «ansiedade» por disputar o primeiro partido en 27 anos do club vilagarcián nunha promoción á categoría de bronce. Un temor por fortuna infundado, toda vez que, di o técnico pontevedrés, os seus homes están a «xestionar moi ben as emocións, os tempos de espera» no medio dun ambiente san e positivo.

Deste xeito, Rafa Sáez e os seus axudantes están a poder concentrar todo o seu esforzo en cumprir coa folla de ruta marcada de cara a optimizar o potencial de rendemento do Arousa. E nesa planificación o equipo chegaba onte á semana «na que o pico de traballo físico vai ser o máis alto». Pensando, di o adestrador arlequinado, non xa só no Ourense C.F., senón tamén «na posibilidade dun segundo partido a semana seguinte», isto é, a hipotética final da fase de ascenso, co gañador da eliminatoria entre o Compostela e o Barco como rival.

Con tal fin, o corpo técnico do Arousa retrasou o descanso dos mércores ao xoves, de maneira que «chegaremos ás sesións do venres e do sábado con máis asimilación» do volume físico logo de tres sesións consecutivas pisando o acelerador. Algo menos nos casos de Pedro Beda e de Joel Sanabria, os dous puntas do equipo, que volveron a Vilagarcía inmersos na fase de recuperación de cadansúa lesións. No caso do brasileiro sumándose ademais ao grupo na terceira semana de regreso aos adestramentos no proceso da desescalada da alerta sanitaria.

Sobre o pichichi do Arousa, Rafa Sáez comenta que Pedro Beda «está mellor que cando chegou na pretempada en agosto». Outro sinal para o optimismo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa eleva esta semana o seu traballo á máxima intensidade