Os «Alien», prestos a colonizar Vilagarcía

O Curtas permitirá adentrarse na nave Nostromo e topar cos parásitos máis famosos do cine


vilagarcía / la voz

Os fans da saga Alien, en particular, e dos xéneros da ciencia ficción e do terror, en xeral, a bo seguro comezarán a fretarse as mans coa idea de poder experimentar a sensación de adentrarse na USCSS Nostromo. Unha das naves espaciais máis icónicas da historia do mundo do celuloide, na que alumou ao imaxinario colectivo a especie de parásitos máis famosa e aterrecedora de cantas veñen nacendo da fecunda produción da sétima arte, ata acabar incorporándose como referencias culturais universais. Da man do Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía, a Sala Rivas Briones da capital arousá transformaráse do 2 de outubro ao 22 de novembro en varios frames a escala real, nos que se recollerán escenarios clave e momentos ben recoñecibles das películas protagonizadas pola actriz Sigourney Weaver na pel da sufrida tenente Ripley, unha supervivinte nata desde que o primeiro xenomorfo apareceu na súa vida, segando a dos seus seis compañeiros humanos en Alien, o oitavo pasaxeiro; película que abríu a saga en 1979.

Aproveitando a cercanía do seu cuadraxésimo aniversario, cumprido o ano pasado, a organización do Curtas reunirá nunha exposición varios sets da película; recreacións, non orixinais, aclara o seu director, Luis Miguel Rosales. Entre eles, o comedor da Nostromo, onde naceu o alien, o scáner da enfermería da nave, dotado de luz e de movemento, amosando as radiografías do primeiro humano infectado polo parásito, e a réplica do laboratorio da primeira película. Todo respectando fielmente os orixinais.

Ademais, a exposición ofrecerá un set dedicado ao armamento dos marines coloniais que coprotagonizan a segunda entrega da saga, Aliens o regreso, cun guerreiro alien tentando abrirse paso entre uns tubos de subministro, unha zona do niño dos parásitos cun colono usado como hóspede, tamén da mesma película; ou un guerreiro alien de 3 metros de lonxitude en posición de nado, aparecido en Alien Resurrección, a cuarta e última película da historia da tenente Ripley. Sets completados con varios estados e modelos a escala real do terrorífico extraterreste.

«Será moi, moi, moi chula, e moi espectacular», promete Luis Miguel Rosales ao anunciar a exposición sobre Alien na vindeira edición do Curtas. Cunha «recreación ao detalle do que aparece nas escenas -elixidas- das películas, incluídos os elementos con iluminación». E co engadido de que, pandemia mediante, «a xente se poida sacar fotos dentro» dos diferentes espazos.

Seguen abertos os certames literario, de ilustración e os audiovisuais

A organización do Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía está a traballar nun completo programa que avance no seu crecemento, profundizando no seu recente espírito multidisciplinar máis aló da faceta audiovisual coa que naceu décadas atrás no Casino de Vilagarcía. E mentres Luis Miguel Rosales e os seus compañeiros ultiman o seu listado de propostas, pensadas para saciar o interese de todo tipo de públicos, o Curtas segue aberto a recibir traballos nos seus diferentes certames.

O máis importante, sen dúbida, segue a ser o audiovisual. Desde que o 7 de maio abrise o rexistro das súas tres seccións, Oficial Fantástico, Oficial Outros Xéneros, e Videocreación, son tantas as curtametraxes, longametraxes, documentais e obras de videocreación recibidas, que o director do festival recoñecía descoñecer onte o seu número a falta dun mes para o peche do prazo de presentación. En xogo, o reparto de 2.000 euros en premios entre os mellores.

O Curtas mantén ademais aberto o tempo de presentación de obras noutros dous certames. O de Contos arrepiantes para tremer ao carón da lareira, en galego, e o de Ilustracións arrepiantes para tremer ao carón da lareira. Ambos os dous, dotados con 300 euros para os gañadores, e con xurados formados por profesionais de recoñecido prestixio nas súas materias. Os interesados poden coñecer as bases de todos os certames e como e onde enviar os seus traballos en www.curtas.org.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Os «Alien», prestos a colonizar Vilagarcía