A nova equipación do San Martín causa furor nas redes

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

En poucas horas o club recibíu ducias de encargos dunha camiseta e dun pantalón únicos, co escudo do antigo Concello de Vilaxoán a grande escala como elemento central, e bandeira de Galicia na caluga

17 jun 2020 . Actualizado a las 10:57 h.

Ás 11 e 34 minutos de onte a directiva do San Martín subía ás súas contas en redes sociais a imaxe da nova equipación coa que competirán os seus equipos a vindeira tempada. Nin oito horas máis tarde xa eran tres ducias de encargos de particulares os recibidos no club vilaxoanés para facerse co seu novo xogo de camiseta e de pantalón. Un fenómeno inédito nunha entidade na que, nos conta o seu cronista oficioso e sempiterno directivo, Tuco Renda, «nunca nos piden a equipación» máis aló dos propios futbolistas necesitados dela. ¿A razón? Un deseño rompedor, que racha con toda a tradición precedente en materia de elásticas do club arousán, pero que entronca coa historia colectiva dun pobo que tanto valor lle dá á súa propia identidade como o de Vilaxoán.

O ata agora invariable vermello liso con remates en branco nas mangas e no colo deixa paso na nova camiseta do San Martín á inclusión de franxas brancas horizontais, compostas á súa vez por franxas máis pequenas a base de trapecios irregulares, debuxadas no cuadrante do peito dereito e tamén nunha cuadrícula que arrinca na cintura e chega á altura do corazón na metade esquerda frontal. Na zona central, a publicidade do patrocinador principal do club desde a tempada pasada, e na cuadrícula dereita entre a base do peito e a cintura, o escudo de 1.847 do antigo Ayuntamiento de Villajuán, absorvido en 1913 xunto ao de Carril polo de Vilagarcía. Un escudo que ocupa tamén unha pequena zona da parte traseira da camiseta do San Martín, na que se incorpora a bandeira de Galicia, xusto por debaixo da caluga, o nome do club co lema «Dende 1.951», e por debaixo do dorsal, ben destacado, Vilaxoán.

Deseño exclusivo para o club

No pantalón a cor branca perde o monopolio, co vermello ocupando unha franxa lisa nos remates, unida na perna dereita á cintura coas mesmas franxas horizontais introducidas na camiseta ocupando a metade exterior do pantalón.

A iniciativa partíu de Jorge Soto, un dos directivos do San Martín: «Levaba varios anos tentando que o club cambiase por unha camiseta sublimada, que incorporase todos os elementos do deseño, como os dorsais, a publicidade... e non ter que pegalos despois. Pero estes últimos anos foran complicados no club. Cando conseguimos uns cartos convencín á directiva, e apartámolos para isto». Tras falar con varias empresas do sector, e logo de ver as súas propostas, Soto e os seus compañeiros quedáronse coa oferta de Agrupación Guerrero, unha firma de Toledo, que fixo o deseño base en exclusiva para o San Martín, explica Soto. O resto dos elementos, desde o escudo de 1.847 ata a bandeira galega, pasando pola inclusión do nome do club e de Vilaxoán, son cousa do directivo, coa aprobación dos seus compañeiros na xestión da entidade deportiva.

«A decisión máis conflitiva foi a do escudo, porque non é o actual de Vilaxoán que se pode ver nas baldosas da Praza Rafael Pazos. O problema é que non nos encaixaba ben na camiseta. O anterior, o de 1.847, ao ser ovalado, quedaba moito mellor», desvela Soto, que enmarca a iniciativa no desexo de «tentar cambiar cos tempos, non facer sempre o mesmo».

Ante unha opción tan rompedora «tiñamos dúbidas de como o ía acoller a xente», di Soto. Despexáronse en horas: «Non pensabamos que fora gustar tanto». Ata o punto de recibir xa o pedido dun galego de Barcelona que quedou namorado da equipación sen saber de onde era o San Martín.

Lino González é o novo técnico do primeiro equipo, e téntase reunir un segundo cadro xuvenil

A directiva do San Martín C.F. desvelaba onte a súa sorprendente nova equipación informando de que «sin fechas para el inicio de la nueva temporada ¡seguimos trabajando sin descanso!». Dese traballo na sombra saíu a confirmación onte por parte da directiva do club vilaxoanés da fichaxe do vilagarcián Lino González como adestrador do primeiro equipo. Un conxunto que o ex técnico entre outros do Arousa en Preferente xa dirixira no pasado, colléndoo agora na Segunda Galicia.

Asimesmo, e pese á incerteza que se estendeu no mundo do deporte, especialmente o da base, por mor da pandemia do covid-19, no San Martín, informa Tuco Renda, «queremos incrementar o número de equipos para a vindeira tempada, cun segundo xuvenil» logo do ascenso este curso a Primeira Provincial na que foi a gran alegría da canteira do club, cun conxunto masculino federado en cada franxa de idade.