Así será o reinicio do Arousa: tres sesións de traballo en dous grupos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os homes de Rafa Sáez dividiránse a vindeira semana para adestrar uns de 5 a 6 e outros de 6 a 7 no campo das pistas de atletismo o luns, mércores e venres

04 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os xogadores e os integrantes do corpo técnico do Arousa están citados a primeira hora da tarde do vindeiro luns nas instalacións do estadio de atletismo de Fontecarmoa. Os compañeiros de vestiario volverán verse as caras en persoa desde que o venres 13 de marzo adestrasen xuntos por última vez antes de que o decreto do estado de alarma sanitaria puxera todo patas arriba.

Ás catro da tarde do día 8 os membros do primeiro equipo arlequinado deberán desfilar un a un pola sala médica do recinto deportivo municipal para someterse ao test serolóxico baixo a dirección dos médicos da mutua da Real Federación Galega de Fútbol. Un procedemento rápido, coa extracción dunha mínima cantidade de sangue e os resultados en cuestión de menos dunha hora. Dado que ninguén amosaba síntomas do covid-19 entre a trintena de persoas que deberán pasar a proba segundo o protocolo do Ministerio de Sanidad para equipos inda en competición, a previsión é ver os primeiros homes de Rafa Sáez adestrarse xuntos, pero non revoltos, a partir das cinco da tarde, nada máis recibir os resultados de cadanseu test. Todos, agás Pedro Beda, cuxo regreso desde Brasil está programado para o día 17.

O corpo técnico arlequinado decidíu adiantar nunha semana o regreso ao traballo grupal do equipo, se ben mantén para o luns 15 de xuño o inicio do adestramento conxunto de todas as súas pezas, o denominado adestramento precompetición na regulamentación específica fixada polo Ministerio de Sanidad. O que farán os xogadores do Arousa a vindeira semana será traballar individualmente a carón da metade dos seus compañeiros exercicios de readaptación, cos que minimizar o risco de lesións no que se agarda sexa un mes de mini pretempada antes da disputa das semifinais da promoción de ascenso a Segunda División B, o 18 e 19 de xullo.

Coñecer o estado de Joel

Rafa Sáez e os seus colaboradores acordaron que os seus futbolistas adestren a vindeira semana sobre o céspede natural do campo do estadio de atletismo o luns, mércores e venres, divididos en grupos dunha decena de xogadores cada un. O primeiro con sesións de cinco a seis da tarde, e o outro na hora seguinte. Un proceso de readaptación no que haberá que ver se participa Joel Sanabria, que regresará da súa casa familiar en Cataluña con problemas nun xeonllo pendentes dun diagnóstico fiable.

Dado que o uso do recinto deportivo municipal se limita nesta fase ás instalacións exteriores, os futbolistas do Arousa deberán vir cambiados das súas casas, e volver ás mesmas coa equipación coa que cheguen ao campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa, coas duchas inda pechadas aos seus usuarios neste momento da desescalada.

A utillera do equipo comeza a preparar un exhaustivo dispositivo de desinfección

Case tres meses de intenso, duro e ingrato traballo individual, boa parte do tempo nos seus respectivos domicilios, levarán acumulados os 21 futbolistas de Rafa Sáez ata o seu reencontro o luns 8 no estadio de atletismo de Fontecarmoa. Con todo, ningún deles será o que máis esforzo físico despregue a vindeira semana entre os integrantes do cadro de persoal do primeiro equipo arlequinado. Iso será cousa de Menchu Couso, a única muller que se someterá aos test serolóxicos nas filas do Arousa como parte integrante do grupo de deportistas, de técnicos e de auxiliares que farán piña para devolver o conxunto vilagarcián á categoría de bronce 27 anos despois.

En Menchu Couso recaerá o labor trascendental de ocuparse da limpeza e da desinfección hixénico-sanitaria á que tocará someter todo o material de adestramento antes, durante e despois das sesións de traballo dos de Rafa Sáez. Falamos de «esterillas, gomas, picas, balóns... É moito material», repasaba onte a utillera falando do que lle queda por diante.

Personalizar todo o material

Con material repartido inda entre os campos municipais de Vilaxoán e Manuel Jiménez, Menchu Couso ten previsto proceder á súa desinfección entre hoxe e mañá. A auxiliar do corpo técnico sinala que ela mesma someterá todos os elementos de apoio que empreguen os futbolistas durante os adestramentos a un continuo proceso de desinfección. Sobre todo as esterillas, que adiante «se van esterilizar cada dous por tres». Con todo, para potenciar a seguridade, cada xogador terá asignado cadanseu lote de material, que será identificado, seguramente, conta Menchu Couso, co número que teña elixido para o seu dorsal na promoción de ascenso.

A encargada de material dá por feito que tras o traslado a semana seguinte á Lomba para o resto da preparación da fase «vai ser moito máis cómodo, xa que se vai poder desinfectar todo na entrada dos vestiarios», o punto no que se lles tomará a temperatura aos xogadores antes de cada adestramento.

Medio cento de seareiros reservaron xa a camiseta da fase

A directiva do Arousa abría o luns un prazo de dez días para que todo aquel socio ou afeccionado que o desexe poida adquirir, a 30 euros, a camiseta que a marca Gios deseñou en exclusiva para que luza o equipo arlequinado na primeira fase de ascenso a Segunda División B nos 27 últimos anos da historia do club vilagarcián. Ata onte ao mediodía eran xa medio cento as unidades reservadas a través do propio club. Unha cantidade que está a sorprender no Arousa. Entre os solicitantes figura tamén xente de Boiro, de Santiago, e mesmo galegos que levan anos traballando en Suíza. Os interesados teñen ata o día 10 para reservar a súa.