«O Arousa vai ser metódico e escrupuloso coa saúde do equipo»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Directiva e corpo técnico valoran a opción de adiantar nunha semana a volta ao traballo en grupo

02 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O groso dos xogadores do primeiro equipo do Arousa poderían volver verse as caras en vivo e en directo antes do que pensaban ata a semana pasada. Se nun principio os plans do corpo técnico e da directiva do club arlequinado fixaban o luns 15 de xuño como data para o primeiro adestramento conxunto do cadro de futbolistas de Rafa Sáez desde o 13 de marzo, a publicación o pasado sábado no Boletín Oficial do Estado dunha orde que relaxa as condicións da volta ao traballo dos equipos non profesionais pode acelerar o proceso.

Así, desde onte luns estes últimos teñen autorización para «realizar entrenamientos de tipo medio, consistentes en el ejercicio de tareas individualizadas de carácter físico y técnico, así como la realización de entrenamientos tácticos no exhaustivos, en pequeños grupos de deportistas hasta un máximo de 20, manteniendo las distancias de seguridad de 2 metros de manera general, y evitando en todo caso situaciones en las que se produzca contacto físico. Podrán utilizar las instalaciones que tengan a su disposición, cumpliendo las medidas establecidas por las autoridades sanitarias».

Con este novo cambio normativo, o vicepresidente do Arousa, Rodrigo Lojo, daba onte por feito que os homes de Rafa Sáez retomarán o traballo en grupo a vindeira semana, tras descartar por completo a presente. E iso, por varios motivos.

O primeiro, coñecer a primeira hora da noite de onte as novidades que o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, puidese trasladarlles aos catro clubs galegos que miran á promoción á Segunda B da segunda quincena de xullo. Con esa información, o Arousa contactará coa Fundación de Deportes para ver a posibilidade de adiantar o acordado uso da Lomba, ou mesmo traballar unha semana nas instalacións da pista de atletismo de Fontecarmoa, onde se procederá previamente á práctica do test serolóxico a todos os xogadores e membros do corpo técnico arlequinado. E por último, está o feito de ter acordado xa o regreso de Jorge Sáez e de Joel Sanabria o luns 8, co billete de volta de Beda desde Brasil pechado para o 17.

«Ademais de metódico, o Arousa vai ser escrupuloso» coa desescalada do seu equipo, di Lojo, en tanto, salienta, «parte da responsabilidade do club é velar pola saúde dos xogadores e -nestas circunstancias- das súas familias».

Jorge Saez e Joel Sanabria estarán de regreso en Vilagarcía o día 8, e Pedro Beda chegará o 17 de Brasil