O remo arousán confía en poder salvar a Liga de traíñas pese a seguir confinado

Desde o C.R. Vilaxoán e o C.R. Mecos dan pola contra por perdidas as tempadas de bateis e de traiñeiriña


vilagarcía / la voz

«Nós estamos igual. Ao final, mentres non abran a man de todo, non imos ter maneira de volver á auga. Mentres non deixen adestrar en grupo, é complicado». O presidente e remeiro da traíña do C.R. Vilaxoán, Gelo Tarrío, explicaba onte que o remo de banco fixo non ten novidade posible neste momento da desescalada na pelexa contra o covid-19. Un deporte que require de entre 5 e 14 ocupantes traballando ao unísono en embarcacións de reducidas dimensións.

Así as cousas, tanto Tarrío como a súa homóloga na presidencia do C.R. Mecos, María Luisa Barreiro Gondar, coinciden en dar por perdidas as tempadas de bateis, case inédita este ano e cuxo punto final debía terse escrito na última fin de semana de abril co Campionato de España, e a de traiñeiriñas, que ocupa maio.

No que si se amosan ambos esperanzados é na disputa da Liga Galega de Traíñas, coas embarcacións dos dous clubs e mais a de Amegrove encadradas un ano máis na máxima categoría, a LGT-A.

«A primeira regata é o 28 de xuño. A incidencia da pandemia na zona do remo é escasa. E o noso é un deporte ao aire libre. Con empezar todos a adestrar na auga 2-3 semanas antes, partiriamos do mesmo punto», opina Tarrío. O mesmo pensa Barreiro, que engade a opción de «ampliar a tempada ata outubro ou novembro». Á espera de acontecementos, os seus remeiros seguirán mantendo a forma nas súas casas con cadanseu remoergómetro como veñen facendo desde o inicio da corentena, complementándoo desde o sábado con traballo ao aire libre.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O remo arousán confía en poder salvar a Liga de traíñas pese a seguir confinado