Os dous brazos rotos que uparon un club

Unha mala caída puxo fin a unha carreira deportiva por facer, pero gañou un directivo dos que fan historia


vilagarcía / La Voz

Tuco Renda nunca saberá ata onde o podería ter levado o balompé de non sufrir o desgraciado accidente deportivo que cortou unha carreira que nin chegara comezar. O que si sabe o San Martín C.F. é que o infortunio dun rapaz lle regalou o que posiblemente sexa o home máis determinante na modesta pero longa historia dunha entidade a piques de soprar os 70.

Na casa de Tuco respirábase fútbol. Seu pai fora un dos promotores que fundaran o veciño Arousa en 1945, e era directivo do San Martín, tras casar en Vilaxoán. E como a case calquera rapaz, «a min gustábame moito o fútbol», di o noso rostro do deporte. Unha afección que, ademais, lle permitía con só 12 anos comezar a ver un chisco de mundo na España de inicios dos 60. Nun equipo de barrio que xogaba con outros equipos de barrio, incluído un de Caldas, a onde viaxaban co seu adestrador, en tren ata Portas, e dalí no coche de liña á vila termal.

Nun torneo de barrios, o que organizaba o Arousa para captar novos talentos, foi onde todo mudou. «Tería uns 15 ou 16 anos. Recibín un balón en longo. Antonio Castellanos, fillo do que xogara en Primeira e na selección, estaba de porteiro. Daquela os porteiros saían coa cabeza por diante. Acabei volteado, e ao caer, puxen mal os brazos», relata Tuco. E inda que nun primeiro momento os presentes temeron por un inconsciente gardamallas, o peor parado foi el: «Rompín os dous brazos. Un mo tiveron que operar esa mesma noite, de madrugada, porque era unha lesión grave». Ao medio ano de recuperarse sufríu outra caída, e o médico aconselloulle non xogar polo estado dos seus tendóns. E «pensando no que pasara nos tres meses escaiolado» Renda dixo ata aquí.

A Tuco tocáballe vivir o fútbol doutro lado. Non tardaría en andar co seu pai e co resto dos directivos do San Martín, homes que lle sacaban 30 anos. E un bo día, «sen enterarme, xa era directivo». Vogal encargado de «ver canto partido puidera entre Redondela e Sigüeiro» á caza de futbolistas para un equipo daquela na última categoría, a Liga Rías Baixas.

Ao ano Avelino Portas decidía non seguir na presidencia, e o socio elixido para sucedelo declinaba o cargo. Cuns 24 anos, Renda foi o sinalado. Víu que «tiña directiva, e practicamente o equipo feito. E aceptei a presidencia», conta.

A súa afouteza resultou pronto recompensada. O San Martín completaba a primeira tempada do seu mandato ascendendo á Serie A, a actual Preferente. Empatando na casa co Pontevedrés e co Salvaterra, e gañándolles a domicilio na promoción. E ao pouco materializaríase o mellor recordo deportivo de Tuco, o ascenso a Terceira coa reestruturación desta nunha categoría autonómica.

«Tivemos que buscar xogadores que non cobraran, ou que cobraran pouco. O noso orzamento era de 7,5 millóns de pesetas, cando os máis cercanos na Liga eran de 15. A nosa baza era ofrecerlles aos xogadores pasar de campos de lama a herba. Os do Racing, Lugo, Arousa, Ourense, Pontevedra», lembra o vilaxoanés. 

Pago churrasco, tomo churrasco

Logo de 12 anos de directivo, catro na presidencia, Tuco e os seus trece compañeiros decidiron retirarse, co San Martín en Terceira. Pero «a nova directiva quería crecer, crecer e crecer, e en 2-3 anos deixárono, co club endebedado en 3 millóns de pesetas». O grupo de Tuco volveu entón, con el á fronte dunha xestora, e as ideas claras: «Ao final do primeiro ano descendimos, de últimos. E acabei coa débeda; niso son especialista. A miña política sempre foi ‘Se non podo tomar solomillo, tomo churrasco’. Sempre cumprimos o pactado», axudado polo rigor de quen non se deixaba levar polos adestradores da época, afeitos a fichar acompañados dun carro de futbolistas: «Co fútbol que vía cada fin de semana tiña máis coñecemento de xogadores que algún adestrador», gábase o arousán.

Unha seguridade a xogo coas súas fortes conviccións. Ata o punto de encabezar unha manifestación multitudinaria do pobo de Vilaxoán contra o primeiro goberno municipal de Vilagarcía tras a restauración democrática, do PSOE, do que el mesmo formaba parte. Todo, por considerar que «o Concello favorecía máis o Arousa có San Martín no uso do campo da Lomba» cando ambos coincidiron na Terceira. E iso, con Tuco levando tamén na carteira o carné de socio arousista. «Algúns no partido non mo perdoaron. Pero a min impórtame un carallo».

Tras tres anos extra, Tuco deixou a directiva, e o equipo na Preferente. Tres lustros despois, a comezos do novo século unha chamada do entón presidente do San Martín, Ramón Mariño, liou de novo a Renda na directiva, na que veu alternando tarefas de secretario, de tesoureiro e sempre, como hoxe, de asesor de luxo. Nun club ben distinto, con conxuntos en todas as categorías masculinas e cun primeiro equipo ascensor entre Primeira e Segunda Autonómica. Un novo século no que Tuco desmontou o intento dun grupo de socios de cortarlle o paso á primeira muller presidente da entidade, Milos Iglesias, ou tras unha nova paréntese de dous anos, volvendo axudar a rescatar o seu club do abismo por outra mala xestión. E nesta tempada, nunha nova directiva cos seus cargos principais ocupados por mulleres. «Díxenlle á presidenta, Laura Navia, que continuaba este ano para axudarlles a botar a andar, e termino. Esa é a miña idea», fala Tuco. Outra cousa é o que acabe pasando. Porque, ben se está a ver, nunca se sabe o que nos deparará a vida. E o San Martín, resume Tuco, «é unha parte da miña vida».

  • A traxectoria persoal. Vicente Renda Chaves naceu en Vilaxoán, Vilagarcía, o 5 de setembro de 1948. Empregado de banca, militante do PSOE desde o final da Ditadura, foi edil no primeiro goberno municipal tras a restauración democrática.
  • A vida deportiva. Futbolista nun equipo de barrio, con 16 anos colgou as botas por unha grave lesión nos brazos. Varias veces presidente do San Martín, suma tres décadas en diferentes directivas do club.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os dous brazos rotos que uparon un club