20 anos do adeus ao último gran cine de Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

No disponible

O domingo 16 de abril do 2000 o proxector do Fantasio apagábase e, con el, unha forma de vivir a sétima arte, e o mundo

19 abr 2020 . Actualizado a las 20:33 h.

A chegada do ano 2000 foi agardada por moitos coa fe cega en que un mundo novo se abriría co cambio de milenio. Como se o simple feito de consumir o derradeiro 31 de decembro do vixésimo século despois de Cristo fora producir un burato no espazo-tempo que nos espertara nunha sociedade futurista, con todo o anterior convertido de súpeto en antigo. E se ben non foi así, a explosión pouco despois da era da información non tardaría en instalar a sensación xeralizada de vivirmos nunha sociedade en continua revolución, nunha dinámica que tritura ao seu paso maneiras de ver e de entender o mundo, acelerada exponencialmente polos adiantos tecnolóxicos.

Do cine, a fábrica de soños para tantas e tantas xeracións, chegáballes no 2000 aos arousáns un sinal de que o novo milenio, efectivamente, traia un novo mundo baixo o brazo. O domingo 16 de abril daquel ano o proxector do Fantasio apagábase para non volver a ser prendido máis. Era o adeus do último dos grandes cines da comarca. Eses lugares únicos, igual de vivos cos teatros, e mesmo capaces ás veces de rivalizar na grandiosidade das súas feituras. Eses pequenos corazóns que facía latexar as xentes de vilas e de cidades coas historias narradas na gran pantalla ante auditorios de 400 ou de 500 butacas repartidas nunha única sala máxica. Un lugar quen de ofrecer milleiros de historias escritas en celuloide, multiplicalas polos incontables relatos vividos na escuridade do lugar, cheos de prólogos e de epílogos dourados nas filmografías de tanta xente que fixo do cine unha localización máis das escenas das súas vidas.

A chegada do vídeo e os alugueres de películas nos anos 80 comezaron a agretar a ata entón forma universal de gozar do cine. O preludio do que tres décadas despois explotaría coas plataformas dixitais, atomizando o público, e elevando o consumo por riba da experiencia, tamén social, das grandes salas. Así foron caendo baixo a tiranía do mercado os grandes cines do Salnés. O Cervantes e o Arousa en Vilagarcía, o Capitol na Illa, o Avenida en Cambados, O Marino no Grove... E finalmente, o Fantasio.

Ao contrario cos donos do Cervantes, arrasado moitos anos atrás por un incendio, os propietarios do Fantasio puideron elexir a forma de dicirlle adeus á xoia da coroa do patrimonio familiar do clan Recuna na que se convertera o cine desde a súa apertura en 1933. Fixérono aforrándolle ao mesmo tempo aos vilagarciáns con memoria esa pequena ferida na alma que produce ver o que foi moito máis ca un edificio derruído e esquecido durante décadas, como unha fea cicatriz no corpo da cidade. Na mesa semana da súa última función, o Fantasio sentía o frío contacto nas súas costas dos ferros do guindastre que procedería ao seu derribamento, para erguer en pouco tempo sobre o xugoso céntrico solar, na Avenida Castelao, un edificio de 20 vivendas e baixos comerciais. A fermosa construción modernista de dous pisos, co regalo aos ollos do conxunto de vidro que emponderaba os seus puntos de luz, pasou a ser cousa da historia. Como a súa fachada, que o construtor debería ter respectado fielmente se o novo PXOM da capital arousá entrara en vigor unha semanas antes daquel 2000, e con el, o catálogo de bens a conservar do municipio.

José Recuna, primeiro alcalde vilagarcián tras a restauración democrática de 1978, descendente do fundador do Fantasio, e un dos donos do local, explicaba na véspera do peche as dúas grandes razóns para desprenderse del: «Hoy somos 9 propietarios y mañana seremos 27, y eso crea problemas», e «hoy las grandes salas se sustituyen por los minicines», en Vilagarcía os V, con dúas salas abertas en 1986 co clan Recuna tamén por medio, aos que, inda sen sabelo, lles quedaban nin dous anos por diante. As sete salas dos multicines da TIR foron a súa perdición o 31 de marzo do 2002.

José Recuna esmerouse en darlle un adeus á altura ao que foi o primeiro e último gran cine de Vilagarcía. Removendo ceo e terra para conseguir unha copia da oscarizada Cinema Paradiso, a película francoitaliana dirixida en 1988 por Giuseppe Tornatore e descatalogada cinco anos despois, que narra a historia dunha vila a través do seu cine local, desde a súa creación ao seu derribamento. 

Acompañado de boa parte do seu clan e do que fora xerente da sala durante máis de medio século, Abelardo Fernández, José Recuna recibía un por un os máis de 400 espectadores que asistiron á función gratuíta e lles entregaba un folleto coa historia do Fantasio. Dicía o cronista de La Voz de Galicia presente que o último gran cine de Arousa fora despedido «cun aplauso curto e avergoñado ao final da proxección, un aplauso ben escaso para tantos anos de servizo».