O Torneo Internacional Cidade Vilagarcía suspende a súa previa e ampliará a fase final

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VIFER

A organización traballa en poder seguir ofrecendo o cartel principal a finais de maio

17 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización do Torneo Internacional Cidade Vilagarcía, integrado na estrutura do Arousa, comunicou onte a súa decisión de suspender a fase previa da súa novena edición, se ben mantén a previsión de disputar a fase final programada para finais de maio.

«Dada la situación en la que nos encontramos -en referencia ao estado de alarma pola crise sanitaria do COVID-19-, celebrar un evento que reúne a cientos de personas no entra dentro de lo solicitado por las autoridades sanitarias de precaución y prevención», explican os organizadores, sobre a base optimista de que para as datas da fase previa, o xoves, venres, sábado e domingo da Semana Santa, non se teña estendido o periodo de vixencia das restricións xerais á mobilidade vixentes desde o domingo en todo o Estado.

Deste xeito, quedan sen dono as dez prazas para o cadro prebenxamín e as outras tantas para o benxamín que se ían poñer en xogo na fase previa, aberta a 40 equipos por cada unha das categorías.

O director do torneo e directivo do Arousa, Rodrigo Lojo, declara ao respecto que «a fase previa é totalmente imposible de disputar. Agora mesmo temos multitude de frontes abertas. Chegamos a falar de xogar a fase final en setembro, ou agardar a xuño, ao final da tempada. Pero estamos á expectativa».

Neste momento, conta Lojo, «se finalmente se pode xogar a finais de maio, estudamos unha fase final moito máis ampla». Isto é, sumarlles aos 10 equipos prebenxamíns e outros tantos benxamíns previstos por invitación, entre eles os xa anunciados Real Madrid, Atlético de Madrid, Benfica e Osasuna, «todos os que poidamos dos que se inscribiron para a fase previa». É dicir, apunta o director do torneo, case a totalidade do límite de 80 conxuntos fixado pola organización.

Con tal fin, e sempre subliñando a precariedade de calquera plan na actual situación de alerta, «a nosa intención», declara Rodrigo Lojo, «é ocupar máis campos -ademais dos inicialmente previstos, o Manuel Jiménez e o do estadio de atletismo-, e mesmo a posibilidade de ir a máis dos tres días previstos en principio. Ir ata onde humanamente fose posible para facerlle sitio ao máximo número dos equipos que apostaron pola nosa previa».

Límite, un mes

Tal e como está a situación en España, desde o Torneo Internacional Cidade Vilagarcía fixan finais de abril como prazo límite para ver se se pode manter ou non o calendario de maio para a fase final.