O Arousa Fútbol 7 pospónse a setembro, e o Memorial Miguel Á. González sen data

A organización das Copas Ribadumia Clae Viajes manteñen neste momento as datas dos seus dous cadros, en xuño


Vilagarcía / La Voz

Se só cinco días atrás non as tiñan todas consigo, onte os responsables dos torneos de referencia do fútbol base en Arousa tiveron que asumir a crúa realidade do estado de cousas no que lle está tocando vivir á sociedade española a raíz do coronavirus COVID-19. No caso do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7, os seus responsables veñen de decidir ir máis aló cos seus veciños do Cidade de Vilagarcía, aprazando a totalidade do seu evento ao mes de setembro.

O voceiro do AF7, Alberto Diz, confirmou onte que tanto a fase previa, que ía reunir do xoves ao domingo da Semana Santa 80 equipos no céspede dos campos municipais da Senra, en Ribadumia, como a fase final, con 20 conxuntos en cartel os días 29, 30 e 31 de maio, dan un salto de máis de catro e de tres meses, respectivamente. E iso, porque «non é viable facer a previa nas súas datas de Semana Santa, e non ten sentido facer a fase final sen a previa» tal e como entende a organización do torneo internacional alevín o mesmo desde que decidíu comezar a reservar catro prazas do seu gran cartel para os mellores do seu prólogo. Un prólogo que concita cada ano o interese de boa parte das canteiras modestas do balompé galego, o que unido ao feito de que «non está tan claro que para finais de maio estea isto despexado», di Alberto Diz, leva os responsables do AF7 a elixir setembro «buscando a tranquilidade que agora non hai».

Con este troco, a xente do torneo confía en poder salvar ademais boa parte do diñeiro que leva xa investido na reserva de billetes de avión de varios dos equipos convidados, se ben, confesa Alberto Diz, «non sabemos se imos ser quen de manter a foto do cadro final que temos agora. Se foramos quen de manter os equipos que temos agora pechados -14 dos 16 por invitación- sería todo un éxito», en tanto «movemos conxuntos de moitas federacións diferentes, que poden aproveitar setembro para disputar competicións movidas polo coronavirus». A intención do AF7 era pechar onte á noite as novas datas da que será a súa vixésimo quinta edición.

Tamén onte a Agrupación Deportiva Cortegada informou do aprazamento do Memorial Miguel Ángel González, que se disputa tradicionalmente na fin de semana do Domingo de Ramos, este ano, o 5 de abril. Preguntados polo novo horizonte temporal do evento, os seus responsables entenden que neste momento non están en disposición de barallar novas datas: «Queremos ser prudentes y ver como va transcurriendo todo».

Respecto ao outro torneo de deporte base de referencia na comarca, as Copas Ribadumia Clae Viajes Benxamín e Infantil, o seu director, Paco Ozores, manifestaba onte a súa confianza en que «isto -a alarma polo coronavirus- se poida solucionar a finais de abril, e que non haxa que clausurar o torneo», en tanto o cadro infantil está programado para os días 12, 13 e 14 de xuño, e o benxamín para o 19, 20 e 21. O primeiro con 30 equipos e o segundo con 50, con cadanseu carteis pechados desde a terceira semana de febreiro. Os responsables das Copas Ribadumia danse de límite ata mediados de maio para cambiar de criterio se a situación o esixe.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa Fútbol 7 pospónse a setembro, e o Memorial Miguel Á. González sen data