O Arousa encara o primeiro dos seus tres partidos trampa en cadea

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O pechacancelas Paiosaco preséntase en Vilaxoán virtualmente descendido

08 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa disputa hoxe o que debería ser o seu derradeiro partido de prestado no Campo Municipal de Vilaxoán, se o Concello de Vilagarcía lle esixe á empresa adxudicataria o cumprimento do prazo da prórroga dun mes que lle permitíu a esta última contar ata o domingo 15 de marzo para a conclusión das obras da reforma da grada de preferente do estadio da Lomba. A U.D. Paisaco-Hierros, pechacancelas na clasificación do Grupo 1 da Terceira División, debería, pois, poñerlle punto final á nómina de visitantes ao conxunto arlequinado sobre o sintético vilaxoanés, nun encontro con hora de inicio para as cinco e media da tarde.

Con este duelo o Arousa comeza unha serie de tres partidos trampa consecutivos, cualificativo empregado polo presidente do club arlequinado, Manolo Abalo, a comezos da semana nunhas declaracións nas que eludía a euforia tras o triunfo in extremis sobre o Arzúa o pasado domingo. Cun gol de Róber no tempo de prolongación que lle permitíu aos de Rafa Sáez non só defenderse do asalto do equipo revelación da Terceira 2019/20, senón ampliar ata 6 os puntos de vantaxe que lles saca ao quinto, ao sexto e ao sétimo clasificados, o Arzúa, Deportivo Fabril e Choco.

Este último, de feito, cursará visita á Lomba dentro de catorce días, o día 22, no que será o terceiro encontro dominical consecutivo do Arousa como local. Antes de medirse ao rival de Redondela, ademais do compromiso desta tarde cun adversario virtualmente descendido, a 13 puntos do decimosexto clasificado cando xa só restan 36 por disputar, os de Rafa Sáez mediránse á U.D. Somozas, quinto pola cola da táboa, previsiblemente no regreso do cadro vilagarcián ao estadio da Lomba, e o xoves 19, festividade de San Xosé, a domicilio a un Pontellas que só ve por debaixo a U.D. Paisaco-Hierros.

Sobre a misión que hoxe ten entre mans, o Arousa atópase cun contrincante que tan só foi quen de gañar dous dos seus 26 partidos de Liga ata o momento, o último deles, o 20 de outubro, na novena xornada do campionato, precisamente ante o equipo situado inmediatamente por enriba na clasificación, o Pontellas (1-3). Desde entón, o cadro da Laracha só foi quen de sumar sete empates, cunha decena de derrotas completando a súa tarxeta nos catro últimos meses e medio.

Rafa Sáez convocou para o choque a todos os seus homes dispoñibles. Isto é, 19, con Julio Rey e con Pedro Beda inda no parte de lesionados. O técnico local preguntábase onte quen pode pensar que o partido desta tarde é cousa feita. Desde logo, non o vestiario arlequinado, no que todos coinciden que «cada partido está al 50 %. Siempre lo vemos al 50 %. Nunca por debajo, ni por encima. Todo equipo tiene su chance en un partido», di Rafa Sáez. No caso do Paiosaco, co plus dun conxunto que se sabe, sinala o técnico local, ante as súas últimas oportunidades de soñar coa salvación.