Mentor e discípulo inician por separado dous camiños tan parecidos, e distintos

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Veloso abre a súa derradeira tempada como ciclista, no ano no que Ángel Sánchez busca un trampolín no modesto Mortágua

26 feb 2020 . Actualizado a las 13:25 h.

A tempada ciclista en Portugal comeza espreguizarse. Disputada a Clásica de Apertura o día 16, o pasado domingo completábanse as cinco etapas da Volta ao Algarve, co home de moda no pelotón internacional, o belga Remco Evenepoel (Deceuninck-Quip Step) gañando a xeral dunha rolda cunha participación de auténtico luxo, desde os polacos Kwiatkowski a Philippe Gilbert, pasando polos Geraint Thomas ou Vincenzo Nibali. Un pelotón o da Volta ao Algarve que contou co cambadés Ángel Sánchez, 115º na clasificación final entre os 161 corredores que completaron os cinco días de carreira. Sete días atrás, o ciclista da vila do albariño coincidira con Gustavo César Veloso na Clásica de Apertura, na que o vilagarcián entrou en meta cortado ao verse involucrado nunha das moitas caídas por mor da choiva, por sorte sen consecuencias físicas.

Por primeira vez en seis anos Sánchez e Veloso rodan xuntos, pero non revoltos, tras compartir as cinco tempadas precedentes a camisola do W52-F.C. Porto. Un equipo no que Ángel dera o salto ao profesionalismo apadriñado por Gustavo, quen xa levaba tempo axudándoo cando podía nos seus adestramentos como Sub-23 a modo de desinteresado mentor. O bicampión da Volta a Portugal, da Volta a Catalunya 2008 e dunha etapa da Vuelta a España 2009 decidíu colgar a bicicleta a finais da presente tempada, con 40 anos, e facelo no que leva sendo o seu equipo desde o 2013. O cambadés, pola súa parte, entendeu chegado o momento de abandonar a seguridade da maior estrutura ciclista profesional de Portugal, para tentar dar un paso adiante na carreira de quen foi visto a mediados da década que vén de rematar como a grande esperanza de renovación dos referentes galegos do deporte das dúas rodas.

É así como Ángel Sánchez decidíu apostar por unha das escadras máis modestas do ciclismo luso, o Miranda-Mortágua, na procura dun equipo no que gozar de maior liberdade á hora de facerse ver no gran pelotón, comezando pola simple posibilidade de correr probas como a propia Volta ao Algarve; que Sánchez puido disputar por primeira vez a semana pasada, sen oco nas cinco tempadas anteriores nun W52-F.C. Porto pragado de moitos dos grandes nomes do ciclismo luso. Neste senso, o arousán daba onte por feito que «este año voy a correr prácticamente todo el calendario luso, incluida la Volta a Portugal», para a que nunca foi seleccionado polo director deportivo do seu anterior equipo, Nuno Ribeiro. «Mis objetivos este año son hacer una Volta a Portugal decente, y ganar alguna carrera», di Sánchez, que non ergue os brazos nunha liña de meta desde a Volta a Santa María da Feira no 2018.

O cambadés coincidirá con Veloso nos seus calendarios de marzo: Clásica de Primavera (día 8), Clásica da Arrabida (15) e a Volta ao Alentejo (18 ao 22). «Empecei co traballo duro en decembro, tentando facer as cousas ben, con calma, repetindo o doutros anos, pero coa conciencia de que esta é a miña última tempada, polo que tamén estou a poñer un pouqiño extra, sobre todo nos adestramentos e á hora de coidarme», comenta Gustavo.

Así, por exemplo, a semana pasada o vilagarcián decidíu adestrar durante cinco días na comarca de Valdeorras, procurando portos de 20 quilómetros nos que ir facendo traballo específico, ao que lle dedicou cinco horas por xornada.

Tras a cita no Alentejo, a Volta a Turquía, ao alcance do W52-F.C. Porto, de novo escadra continental, pola rebaixa tamén da categoría da rolda turca, abrirá un novo bloque de carreiras para Veloso, que correrá despois as voltas a Castela-León e a Madrid como preámbulo da última etapa de posta a punto para o que veu sendo o seu grande obxectivo nos últimos sete anos, a Volta a Portugal. «Farei todo o posible para que non teña -o seu director deportivo- ningunha escusa para non me levar a ela», dinos o Avó do pelotón galego profesional.