Dous puntos succionados polas areas movedizas do Racing Vilalbés

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Un mal Arousa regala en Vilaxoán o gol do empate cando xa fixera o máis difícil, marcarlle a un rival tan sólido e serio en defensa como se agardaba

22 feb 2020 . Actualizado a las 21:28 h.

Segunda xornada consecutiva sen gañar, e o que é peor, segundo partido de espesura dun Arousa con síntomas de certa fatiga mental, que traspasa e transloce a través do seu fútbol. A falta de frescura no xogo dos de Rafa Sáez deixounos desarmados ante un Racing Vilalbés que cumpríu con nota o que se agardaba del no céspede sintético do Campo Municipal de Vilaxoán. Un equipo tremendamente sólido e serio á hora de despregar unha malla defensiva no campo tan mesta, que apenas deixou respirar o balón nos pés do seu anfitrión. De aí que o regalo do empate, cando o Arousa fixera o máis difícil, bater a portería de Javi Rumbo, acabara como acabou. Coas areas movedizas do Racing Vilalbés succionando 2 puntos dos petos do Arousa.

Ben estudado o rival, Rafa Sáez saíu de cara cunha liña de tres mediapuntas moi móbiles, Róber, Suso e Jorge Sáez, na procura de abrir espazos colaborando co traballo de anclaxe dos centrais visitantes de Joel Sanabria. Nada máis lonxe do sucedido.

Cunha presión moi adiantada, o Vilalbés disputoulle a posesión ao Arousa, e dispuxo de tres grandes ocasións para marcar entre os minutos 10 e 15. Primeiro cun centro-chut de José Varela que non atopou rematador no balcón da área pequena local, logo noutro centro-chut de Moreda desde o fondo dereito nun despiste da zaga arlequinada, con Manu Táboas sacando o balón baixo o longueiro; e pouco despois, cun remate na área de Vérez nun saque de falta, abortado outra vez polo porteiro arousista.

Con moitos problemas para a simple saída do balón, o Arousa víu a luz no minuto 23 no córner orixinado no desvío dun disparo de Suso por un defensa, que marchou moi preto dun poste. Tras varios rexeites Pedro García tiraba a portería, un zagueiro cambiou a traxectoria do esférico e Catú, libre de marca, anotaba o seu terceiro gol nos seus tres partidos coa camisola do Arousa.

Os de Sáez desatáronse nos seguintes dez minutos, co Racing afrouxando a súa malla tocado polo golpe. Un defensa visitante salvou no 28 o 2-0 sacándose un tacón prodixioso para blocar un tiro franco de Jorge Sáez, que recollera o desvío dun disparo de Róber nunha gran contra. E se ben o Arousa inda vería a Joel quedar a un tris de completar na área pequena un preciso centro de Róber cun simple roce co pé, foi o Racing o que tivo a mellor ocasión para marcar, no 33, con López vendo a Manu Táboas adiantado, e sacándose un mísil en tres cuartos de campo contrario; o gardamallas local salvou a papeleta rozando o xusto o coiro para elevalo ata a altura do traveseiro, contra o que rebotou. Foi practicamente na seguinte acción á caída de Joel na área luguesa, reclamando sen éxito o cadro local penalti por suposto empurrón na carreira.

Rafa Sáez tivo que relevar do campo a Joel, o seu único punta, no minuto 48 por unha sobrecarga, sen que Javi Otero, primeiro, nin Róber, despois, fosen quen de remover a zaga rival. Plano en ataque, o Arousa caeu no ritmo lento que buscaba o Vilalbés, nunha segunda parte co balón moito tempo fóra do campo, e sen máis ca un reducido número de disparos desviados por argumento vilagarcián.

Non é que o Racing conseguira moitos máis achegamentos de perigo, pero foron máis profundos. No 61 Táboas retrasou o empate sacando baixo o traveseiro o enorme centro-chut de David Buyo en banda esquerda, pero no 68 nada puido facer ante o testarazo de Moreda, totalmente só no segundo pao nun córner no que Catú peiteou atrás o balón na defensa do primeiro poste. No 88 Ángel reafirmou a Táboas como mellor arlequinado do partido cun velonoso tiro na frontal da área. O Arousa ben puido ter visto tragado tamén o terceiro punto.

FICHA DO PARTIDO:

AROUSA (1): ?Manu Táboas, Adrián Gómez (Javi Fontán, min 75), Coti, Catú, Pacheco, Pedro García, Mon, Róber, Suso (Raúl Martiñán, min 73), Jorge Sáez e Joel (Javi Otero, min 48)

RACING VILALBÉS (1):  Javi Rumbo, López, David Buyo, Vérez, Muíña, Javi Varela, Make, José Varela, Pedro (Cuadro, min 57), Ángel (Anxo, min 92) e Moreda (Sandá, min 74)

 Goles: 1-0, min 22: Catú. 1-1, min 68: Moreda.

Árbitro: Gabriel Quintairos (Vigo). Amonestou os xogadores locais Catú, Jorge Sáez e Róber, e o visitante Muíña.