O Concello de Vilagarcía aborda un plan de asfaltado de camiños por valor de 244.000 euros

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

As obras levaranse a cabo en dúas bases e licitaranse nas vindeiras semanas

15 feb 2020 . Actualizado a las 20:55 h.

O Concello de Vilagarcía executará nos vindeiros meses o Plan de Asfaltado de Camiños Municipais no que se investirán 244.087 euros en actuacións de mellora de camiños das parroquias do rural e da periferia. O plan levarase cabo en dúas fases e beneficiará a camiños das zonas de Rubiáns, Solobeira, Trabanca Sardiñeira, Trabanca Badiña, Castroagudín, Bamio, A Laxe, Faxilde, Aralde, Cornazo e á travesía Pablo Picasso. Os proxectos licitaranse nas vindeiras semanas coa intención de que se adxudiquen e as obras poidan comezar ao longo da primavera, cando as chuvias comecen a remitir e permitan realizar este tipo de traballos. Todos os camiños nos que se vai a actuar precisan dunha intervención debido ao desgaste da actual capa de rodamento, a afundimentos ou á presenza de fendas ou fochas. Os traballos aproveitaranse para ensanchar os camiños naquelas zonas onde se levaron a cabo retranqueos para axustar á vía ás aliñacións previstas no PXOM, mellorando así as condicións da calzada e aumentando a seguridade viaria.

Os traballos a realizar consistirán no varrido inicial da superficie dos camiños, a mellora do firme mediante asfaltado e a elevación das tapas de rexistro existentes. Cada unha das fases do plan ten un prazo de execución de dous meses.

A primeira fase do plan inclúe actuacións en Rubiáns (rúa Hospital do Salnés e rúa Rubiáns de Abaixo), Solobeira (rúa da Escola e rúa do Sixto), Trabanca Sardiñeira (travesía Nosa Señora dos Anxos, travesía Loureiro e rúa Xiabre), Castroagudín (travesía rúa Congostra), A Torre (avenida Berdón) e a travesía Pablo Picasso. O montante destas obras ascende a 99.469 euros. Na segunda fase e cun orzamento de 144.618 euros actuarase sobre camiños de Rubiáns (Rúa do Charco-Loenzo), Bamio (Travesía Nogueirido), A Laxe (rúa Monte Xaquín, Quinteiro e Marmelo), Faxilde (rúa do Xogo), Aralde rúa de Aralde e Camiño Prata), e en Cornazo (rúa Baixada a Pasos, rúa A Pedra, Camiño da Balada, rúa Veiga e Camiño dos Borrizos).

Ámbalas dúas fases finánciase con cargo ao Plan Concellos da Deputación 2019, nun caso coas rebaixas en adxudicacións de obras e noutro polo cambio de finalidade dun investimento.

As obras acometeranse en dúas fases e licitaranse nas vindeiras semanas