Ravella asumirá a xestión directa do mercado de Nadal

O Concello di que por falta de tempo tivo que contar cunha empresa externa na primeira edición


vilagarcía / la voz

O mercado de Nadal organizado polo Concello de Vilagarcía foi unha das actividades da programación navideña mellor valoradas pola cidadanía e polo comercio local. Dada a boa acollida que tivo, a Concellería de Promoción Económica non só manterá o evento de cara aos vindeiros anos, senón que, ademais, asumirá directamente a xestión do evento que este ano, por tratarse da primeira vez, se encargou a unha empresa. Tras a experiencia deste ano, corrixiranse os erros organizativos e de funcionamento cometidos este ano pola empresa, que se veu desbordada por un exceso de compromisos adquiridos tras pechar o acordo con Vilagarcía.

Dende o primeiro momento, a intención do Concello foi organizar directamente o mercado de Nadal, por iso se adquiriron como investimento as 16 casetas de madeira que se instalaron na Praza da Independencia e que se destinarán ás seguintes edicións. Pero a falta de tempo para a primeira, fixo necesaria contar cunha empresa para captar expositores, encargarse da decoración e para organizar o día a día do evento.

A experiencia deste ano serviu a modo de proba e para mellorar o evento, o ano que ven introduciranse algúns cambios, como o adianto das datas de inicio do Mercado de Nadal, así como o sistema de oferta e aluguer dos postos e a selección dos produtos que se limitarán á temática do mercado. A intención destes cambios é mellorar o evento, polo que ademais de escoitar a opinión da cidadanía e do comercio local, moi positiva en ambos casos, tamén se pediu a dos comerciantes participantes no mercado. Neste sentido, é certo que algúns deles manifestaron queixas, especialmente en relación á diferenza de prezos fixados pola empresa polo aluguer dos postos, máis elevados para os que se inscribiron ao principio que os que o fixeron nos últimos días, que se ofertaron a prezos máis baixos para cubrir as vacantes existentes. Para salvar esta desigualdade, a Concellería de Promoción Económica acordou coa empresa que compense aos primeiros cunha redución da taxa, proposta que foi perfectamente entendida e aceptada pola firma.

O que no comparte a concelleira son as queixas polos horarios de apertura, tendo en conta que a incerteza das primeiras xornadas veu dada por sucesos sobrevidos, como foi a alerta por temporal de chuvia e vento, e para previr situacións de risco tanto opara os participantes no mercado como para o público que se puidera achegar.

Dito isto, o Concello insiste en que o mercado de Nadal resultou ser un éxito como elemento dinamizador e como atractivo e ambientación de Nadal.

Críticas de Marea da Vila

Por outra banda, Marea da Vila esixe explicacións o goberno local: «É necesario que o goberno dea explicacións sobre a deficiente organización e promoción do mercado, informe das cifras do seu desenvolvemento, e aclare se tiña coñecemento do agravio comparativo do que foron vítimas algúns comerciantes, os cales sufriron o prexuízo económico pola falta de afluencia», apunta a súa voceira.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Ravella asumirá a xestión directa do mercado de Nadal