O sétimo Torneo Indoor Arousa Fútbol 7 reunirá a 600 xogadores en Ribadumia

La Voz RIBADUMIA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

A organización anuncia na presentación do seu campionato de Nadal as datas do seu 25º torneo internacional: 29, 30 e 31 de maio do 2020 

27 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O parón das competicións federadas co gallo das festas do Nadal deulles pé sete anos atrás aos organizadores do Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 a poñer en marcha unha modesta versión invernal da súa exitosa creación. O acerto do Torneo Indoor Arousa Fútbol 7 quedou reflectido nas cifras ofrecidas a primeira hora da tarde de onte no pavillón municipal de Ribadumia por Alberto Diz, o voceiro da Asociación AF7, na presentación dun campionato que volve dar un estirón. E non só polos 600 xogadores e xogadoras que defenderán as cores dos 52 equipos das provincias de Pontevedra e da Coruña participantes no VII Torneo Indoor Arousa Fútbol 7 esta fin de semana. Tamén e sobre todo, polo feito de poder ampliar de dúas a tres as categorías de idade en xogo.

O interese xerado pola cita deportiva derivou na incorporación da categoría benxamín (futbolistas de 9 e 10 anos) ás que viñan copando o cartel os seis anos anteriores, a biberón (5 e 6 anos) e a prebenxamín (7 e 8). Será esta última a que abra a competición, mañá sábado, con partidos desde as dez da mañá ata a final programada a partir das oito e media da tarde, con algo máis de dúas horas de parón para a comida. Case a metade dos 52 equipos, 24, están inscritos nesta categoría.

O domingo unha ducia de conxuntos enfrontaránse desde as dez da mañá na procura da final das 12.55 no cadro biberón. Os 16 restantes arrincarán o torneo benxamín ás catro da tarde, co partido polo título fixado para as 21.30 horas, coa participación de dúas escadras do Celta.

Alberto Diz salientou o crecemento «dunha proposta que comezara cunha aspiración lúdica e vivencial», e que o delegado de deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides, e o alcalde de Ribadumia, David Castro, cualifican hoxe de «festa do fútbol».

Tanto o AF7, que tamén contou no acto co seu presidente, Manolo Diz, como o Concello felicitáronse pola continuidade da relación entre ambas partes iniciada xustamente un ano atrás co traslado do Torneo Indoor Arousa Fútbol 7 de Fexdega ao pavillón ribadumiense, e que continuou coa mudanza desde Vilagarcía da fase previa e final do torneo internacional alevín. Este último repetirá nos campos da Senra na súa 25ª edición, coa súa fase final programada para o 29, 30 e 31 de maio do 2020, desvelou Alberto Diz.