O Arousa poderá trocar o Jiménez por Vilaxoán como campo de adestramento

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Pendente da petición do club, a Fundación só fixa como condición non prexudicar a terceiros

17 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa e o Campo Municipal de Vilaxoán semellan chamados a unha estreita e feliz relación. O desexo de Rafa Sáez e dos seus xogadores de dispoñer do terreo de xogo como novo recinto de adestramento, tras descubrir o seu excelente estado durante as tres sesións de aclimatación ao escenario no que o domingo conquistaron un trascendental triunfo sobre o Barco, ten o respaldo da directiva do club; e da Fundación Municipal de Deportes. O sábado o presidente arlequinado, Manolo Abalo, adiantara a inminente petición do troco das sesións de traballo do seu primeiro equipo desde o desgastado tapete do Manuel Jiménez ao tres meses atrás renovado de Vilaxoán, ambos de herba sintética. E onte Juanmi Doval, director da Fundación, ente xestor das infraestruturas deportivas do Concello de Vilagarcía, non puxo ningún inconveniente máis aló de «que non prexudique a terceiros».

«Se o Arousa o pide», cousa que inda non lle constaba onte a Doval, «e hai horas dispoñibles, podería usar o recinto», engadindo que «este tipo de solicitudes sempre se autorizan se non afectan a terceiros» que non poidan ou estimen oportuno facer un cambio nos seus horarios de ocupación aprobados no seu día polo Consello Reitor da Fundación.

Consultado o propio Doval e o San Martín, usuario principal do Municipal de Vilaxoán na súa condición de club do lugar, o primeiro equipo do Arousa pode dispor da instalación os seus habituais catro días de adestramento. Iso si, debería adiantar media hora o horario de 16.30 a 18.30 que ocupa no Manuel Jiménez, e afacerse a traballar unicamente a campo completo os mércores. Luns, xoves e venres só o podería facer de 16 a 17 horas, debendo limitarse á metade do campo a segunda hora do adestramento ao coincidir os luns co dos porteiros do San Martín, e os dous últimos días da semana, cos dos equipos biberón, prebenxamín, benxamín e alevín do San Martín.

O San Martín, sen problema

A presidenta deste último club, Laura Navia, declaraba onte que desde o San Martín non hai ningún problema por ver o primeiro equipo do Arousa convertido en novo usuario dun Campo Municipal de Vilaxoán no que xa se adestran un día á semana conxuntos infantil, alevín e prebenxamín da entidade arlequinada.

Navia, a quen ninguén do Arousa lle informou o domingo dos seus plans, pese a coincidir no campo obxecto de desexo co gallo do choque co Barco, pon por diante o obvio: «El campo no es nuestro. El campo es municipal». A isto, a mandataria do San Martín engade que «si se entrenan como la semana pasada, en el mismo horario, no nos perjudican en nada». Pretender facelo doutra maneira, incluído o emprego do terreo de xogo completo en determinadas franxas de tempo, non sería, apunta Laura Navia, factible, xa que «nosotros no podríamos cambiar los horarios de nuestra base metidos en el curso escolar».

Noutra orde de cousas, Juanmi Doval dixo onte descoñecer cal é a data prevista para o remate da obra de reforma integral da grada de preferencia da Lomba por parte da empresa adxudicataria. Onte só sabía que a semana pasada se completou a retirada de toda a estrutura vella. Que o Arousa poida xogar na Lomba o seu vindeiro partido como local, o 5 de xaneiro co seu rival polo quinto posto, o Fabril, está no aire.