Desasfaltar

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

VILAGARCÍA DE AROUSA

16 dic 2019 . Actualizado a las 21:12 h.

Overbo asfaltar é un dos que máis lle gustan a moitos alcaldes, talvez non polo resultado senón por cumprir a ilusión de moitos dos seus votantes, ignorantes das graves consecuencias que carrexan estas obras sobre o territorio. Ultimamente, algúns alcaldes pasáronse ao verbo empedrar, que parece máis fino, pero cuxas consecuencias sobre o ciclo da auga son parecidas.

A emerxencia climática na que estamos envoltos implica un cambio de paradigma na estrutura urbanizadora á que estamos afeitos, e Galicia leva séculos construíndo unha estrutura perfecta para responder á climatoloxía, un meditado deseño herdado que fai que a auga da chuvia se aproveite toda dende que cae nas follas das árbores autóctonas ata que chega ao mar, sen desaproveitar ningunha gota e sen destruír a paisaxe construída. Ata que chegaron o asfalto e o cemento, e pouco a pouco fomos canalizando as augas, tamén no rural, forzándoas a buscar novos camiños, aumentando a súa velocidade e puntualizando a traxectoria, estragando as estruturas construtivas.

Toca desasfaltar parte dos camiños e deseñar pavimentos porosos e permeables á auga para evitar que colla forza e cause estragos.

Esta semana saíron científicos que avalan o que eu levo tempo dicindo, temos que cambiar de sentido e pararnos a pensar nun modelo máis sustentable, que evite outros episodios como os de Carballo, Vilagarcía, Viveiro ou Sada. O cemento, o asfalto e a pedra -colocados polo home- son os culpables de estas desfeitas. Encher o territorio de árbores de folla perenne completa o labor preventivo contra o caos.