«Á industria galega non lle vale o inmobilismo»

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

24 nov 2019 . Actualizado a las 05:15 h.

Para Elías Cochón Rey (Vilagarcía, 1966) a industria constitúe, máis que unha ocupación, unha forma de entender a vida.

-Importa o pasado, con 75 anos atrás, pero supoño que, sobre todo, importa o futuro.

-Por suposto, e iso pasa por ampliar as nosas instalacións. O proxecto vai amodo, por desgraza. Precisamos a implicación de diversas Administracións, tanto da autonómica como da local.

-Que necesitan, en concreto, para levalo adiante?

-Que se nos faciliten vías de financiamento. Ese é o maior escollo, porque a empresa está preparada técnica e tecnoloxicamente. Algo hai que facer, tamén, coas tarifas eléctricas para os grandes consumidores. O prezo da enerxía penalízanos moito, mesmo dentro do propio Estado, porque outras comunidades teñen unha mellora considerable da cuestión eléctrica. Galicia, sen dúbida, ten que poñer as pilas. Se temos que apostar polo tecido industrial hai que facer cousas, á industria galega non lle vale o inmobilismo. Este país é quen de ter dereito a desenvolver unha cultura industrial como existe noutros lugares, e que tan bos resultados achega á cidadanía, con xente especializada e emprego de calidade, moi técnico e altamente valorado.

-Iso tamén require formación.

-Así é. Nós, desgraciadamente, estamos lonxe dos circuítos de cultura industrial. Colaboramos coas tres universidades galegas, pero sería preciso un ciclo máis concreto do metal, como pode ter a Universidade de Mondragón, no País Vasco, coa que de feito mantemos un convenio para formar os nosos técnicos, ademais de acabar de inaugurar a nosa propia aula de formación.