Rubén e Pibe, de cachorros da Lomba a depredadores rivais

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MIGUEL VILLAR

Os ex canteiráns do Arousa visitan hoxe Vilagarcía nas filas do líder, o Ourense C.F.

09 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O vestiario do Arousa conta con dous homes que a tempada pasada militaban no Ourense C.F., Pedro García e Róber. No do conxunto da cidade das Burgas hai outros tantos futbolistas con pasado arlequinado: o catoirense Rubén Martínez e o cambadés Agustín Pastoriza, Pibe. E ambos amosan a súa ilusión por xogar contra un equipo no que deron, en maior ou menor medida, os seus primeiros pasos no fútbol.

A marca arlequinada é especialmente profunda na carreira de Rubén Martínez. Sete anos botou o viquingo na canteira vilagarciá, cubrindo as súas dúas primeiras tempadas como futbolista sénior nas filas do conxunto da Lomba. «Para min será un partido especial», dicía desde Ourense. E iso que, desde a súa marcha no verán do 2016 con destino ao Compostela, xa se enfrontou en catro ocasións ao seu exequipo. Nas dúas primeiras tempadas en Santiago o saldo foi dun triunfo e tres empates, un destes últimos forzado cun gol do propio Rubén.

Coa bagaxe do título de liga 2017/18, rozando o ascenso a Segunda B, e a participación nas dúas últimas promocións nas filas do Compos, o interior catoirense apostou por cambiar de aires o pasado verán porque, di, «en Ourense estaban moi interesados en contar comigo, e era un proxecto ambicioso». Non se arrepinte da súa decisión, nin pese a ter perdido protagonismo nas últimas xornadas. Unha situación que o zurdo arousán confía en cambiar logo de abrir a semana pasada o marcador do 2-0 sobre o Paiosaco no seu primeiro tanto da tempada pouco despois de entrar desde o banco de reservas.

Destacado polo seu regate e polos seus centros, Rubén di ter medrado esta tempada a nivel defensivo, ao ser empregado a maioría das veces por Fran Justo como carrileiro. Rubén, que ve un Arousa cun cadro de xogadores «experimentado», desexa ver os dous equipos na fase de ascenso.

Pibe tamén foi futbolista do Arousa, nos seus dous anos de infantil. O primeiro, con Moncho Díaz de técnico, «uno de los mejores entrenadores que tuve», di o cambadés. Con «ilusión» encara o choque de hoxe, «porque A Lomba es un campo que queda al lado de mi casa, donde jugué de pequeño, y le tengo cariño al club». Pibe, autor de tres tantos este curso, e tentado polo Arousa no mercado de inverno 2017/18, cando saíu do Coruxo que dirixía entón Rafa Sáez e rematou no Pontevedra, cre que «el Arousa debe aspirar al podio de Tercera». Hoxe agarda «un partido cerrado al principio. Pero somos un equipo valiente, y espero que abramos pronto el marcador».