Case un cento de obras de catro continentes a concurso no Curtas

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Macarena Gómez, unha das galardoadas no 2018, actúa en tres das producións que aspiran a premio

16 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Restan nove días para a apertura da cuadraxésimo sétima edición do Curtas-Festival Internacional de Cine e de Banda Deseñada de Vilagarcía de Arousa. Onte a súa organización fixo público o nome das obras a concurso nas catro categorías audiovisuais coas que volve contar un ano máis a cita. Desta volta, 90, repartidas entre as seccións de curtametraxe, longametraxe, documental e videocreación, con creacións procedentes de quince Estados de catro continentes: de todos agás do africano.

Seguindo o espírito que medio século atrás viu nacer o Curtas no antigo Casino de Vilagarcía, é o apartado de curtametraxe o que concentra o groso das producións que aspiran aos premios do Curtas 2019. Serán 65 os traballos que se exhibirán no Salón García, lugar de proxección das obras rexistradas nos concursos oficiais do festival arousán entre o venres 25 de outubro e o 1 de novembro. As curtametraxes proporcionarán tamén o maior espectro de miradas culturais, con creacións de catorce estados diferentes. A maioría, 35, de España, con Francia como segundo país de orixe, con 8 traballos a concurso, e Europa contando tamén con aspirantes de Portugal, de Andorra, de Suíza, de Alemaña, de Reino Unido e de Croacia. Producións da Arxentina, os Estados Unidos e Canadá, desde América, e Australia competirán ademais coas miradas do director hongkonés Step Cheung na súa curtametraxe «Toxic Relationship», e do creador iraní Eghbal Shirzaei Sani, con «Greyish».

«Eden», do ruso Felix Umarov, completa o abano de distintas visións foráneas do Curtas 2019 no apartado de videocreación, con cinco propostas a concurso, polas 14 no de documental.

Seis longametraxes

A edición deste ano contará con media ducia de longametraxes. A mexicana «Dos veces tú», dirixida por Salomón Askenazi, a estadounidense «Bliss», de Joe Begos, e as españolas «Sea Beasts» dirixida por Felipe González, «Nubes de Cartón», de Sergio Hernández Sanza, «H0us3», de Manolo Munguía, e «Amor en Polvo», de Suso, Juanjo Imbernón Rodríguez-Flores e Moscardó Rius. Todas elas de estrea en Galicia, agás «Sea Beasts».

Entre os actores de renome nas producións a concurso, os galegos Morris e Sergio Pazos, Pablo Carbonell ou Macarena Gómez, unha das premiadas no Curtas 2018, e que figura nos repartos de «Amor en polvo» e as curtas «Cariño» e «Trivial».