Ravella e Xunta abren unha liña de colaboración para dar un local social aos xubilados da Casa do Mar

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Representantes do colectivo, do Concello e da consellería mantiveron unha reunión

11 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno local de Vilagarcía ofreceu este xoves á Xunta de Galicia a posibilidade de colaborar na reconversión dalgún edificio propiedade da comunidade autónoma na cidade, de xeito que poida albergar o club de pensionistas e xubilados da Casa do Mar, que compatibilizaría as súas actividades coas que xa hoxe se desenvolven no edificio de que se trate. Como se sabe, os máis de douscentos socios da entidade quedaron sen local social unha vez que o ISM puxo en marchas as obras de reforma do seu edificio na avenida da Mariña. Dende entón, o club buscou distintas solucións pero a Xunta non atendeu as súas demandas.

A concelleira de Persoas Maiores e portavoz do goberno, Tania García, desprazouse a Santiago xunto co presidente do club, José Cao, e o directivo do mesmo Ramón Ageitos. Na sede da Xunta mantiveron unha reunión co director de Inclusión Social, Arturo Parrado. Foi un encontro "cordial", no que Parrado insistiu na posibilidade de utilizar as instalacións do centro social do Ramal. Esta solución, sen embargo, foi rexeitada polos representantes do club, ao considerar que o centro está saturado, opinión que o goberno de Alberto Varela comparte.

Por esa mesma razón, Tania García e os directivos do club lle ofreceron á Xunta dúas alternativas. Unha, que a Administración sufrague o aluguer dun local, que logo habería que acondicionar. E dúas, realizar as reformas necesarias nun inmoble que xa sexa propiedade da Xunta. Para o goberno municipal e para os xubilados e pensionistas da Casa do Mar esta sería a solución máis doada, primeiro porque o uso non xera gastos de aluguer e a optimización de espazos probablemente sería máis fácil, rápida e económica.

Diante dos argumentos do concello e dos propios afectados, o director xeral se comprometeu a estudar as distintas posibilidades e a dar unha resposta no prazo de moi poucas semanas. Pola súa banda, Tania García reiterou a disposición do Concello a colaborar na solución a este conflicto que ten xa tras de si varios meses, pero sempre tendo en conta cales son as competencias que ten cada administración; é dicir, algo similar ao que xa pasou con instalacións educativas ?pavillón de Rubiáns ou comedor do Piñeiriño- nos que o Concello participou no desenvolvemento dos proxectos, malia que non é a súa competencia, porque se trataba dunha demanda xusta de colectivos locais, que é o que ocorre agora cos xubilados e pensionistas do mar.