Amplían o saneamento en Vilaboa e melloran a accesibilidade no Vento

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

As obras serán acometidas con fodos da Deputación

02 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Vilagarcía acometerá dúas obras máis a través dos fondos da Deputación grazas ao reinvestimento das baixas producidas nas adxudicacións doutros proxectos. As actuacións que se van a levar a cabo mediante este sistema de financiamento son a mellora e ampliación da rede de saneamento na Rúa Vilaboa e a Mellora da mobilidade e accesibilidade en O Vento-Cea.

A obra a levar a cabo en Vilaboa complementará a actuación realizada este mesmo ano polo Concello para paliar os problemas que sufrían os veciños desta rúa debido a atascos da rede e que consistiu en duplicar un tramo do servizo mediante a instalación dun segundo colector para repartir o fluxo das augas residuais e reducir así o risco de atascos e desbordamentos. O proxecto que se vai a levar a cabo agora cons fondos provinciais ten un orzamento de 29.680 euros.

O proxecto de mellora da mobilidade e accesibilidade en O Vento-Cea é unha actuación que se fai posible grazas ao acordo acadado entre o Concello e a Comunidade de Montes de Cea. A colaboración materializouse na cesión de terreos por parte dos comuneiros e na realización das obras por parte da administración municipal.

A actuación planificada prevé retranquear a marquesiña da parada do autobús que actualmente se atopa enriba da estrada do Pousadoiro, con perigo para os usuarios e para a circulación. Os terreos cedidos tamén permitirán abrir a dificultosa saída de vehículos dende o camiño que alí mesmo entronca coa estrada provincial e que, debido a súa estreitez resulta incómoda e perigosa. A obra ten un orzamento de 27.041 euros.