O vicepresidente do Silva, castigado por encararse co delegado do Arousa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Os incidentes rexistráronse no tramo final do encontro na Lomba

26 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os incidentes causados por xogadores e directivos do Silva no treito final e nos minutos posteriores do seu partido no estadio da Lomba custáronlle finalmente ao club coruñés menos do que agardaban no Arousa. Tan só o vicepresidente segundo do Silva, Óscar Martínez Montero, foi sancionado cunha semana de suspensión por parte do Xuíz Único de Competición do Grupo 1º. da Terceira División, «por conducta contraria al buen orden deportivo, calificada como leve, una vez finalizado el partido». Concretamente, por terse encarado co delegado do Arousa no túnel de vestiarios da Lomba. O Xuíz Único de Competición desestimou as alegacións presentadas polo club coruñés.

No que non entrou o xuíz único foi a valorar se o Silva debe facer fronte ao custo de reparar a deformación da estrutura do banco visitante causada pola celebración de dous dos seus futbolistas do gol co que os de Bardanca empataban o encontro no desconto.

Presentación da base

Noutra orde de cousas, mañá o Arousa presentará os seus equipos base ás 19 horas na explanada do auditorio de Vilagarcía. Hora e media despois, Fernando Rey, Claudio Silva e Juan A. Armental disertarán no auditorio sobre o esforzo e os valores no deporte.