O Arousa contacta directamente coa Federación de Xibraltar para tentar desatascar o tránsfer de Cissoko

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

ADRIAN BAULDE

Rafa Sáez amósase optimista de cara a poder dispoñer do punta este domingo

04 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A afección do Arousa coñecía a Oumar Cissoko a través da prensa local o sábado 17 de agosto, na véspera do Trofeo San Roque no que un día despois o cadro vilagarcián pechaba, no céspede da Lomba, a pretempada co Pontevedra coma rival. Desde entón, o conxunto que dirixe Rafa Sáez cubríu as dúas primeiras xornadas de Liga de Terceira División. Dous partidos nos que o inda xuvenil de último ano o curso pasado víu pasar de longo cadansúa oportunidades de comezar a reivindicarse desde o seu punto de partida como segundo dianteiro centro do cadro de persoal de Rafa Sáez. Tras a expulsión de Pedro Beda no minuto 80 do partido de apertura, na casa fronte ao Polvorín. E o pasado domingo no Estadio do Couto, en calidade de punta titular fronte á U.D. Ourense no primeiro dos dous encontros de sanción recibidos por Pedro Beda do Xuíz Único da Terceira, pola súa expulsión a semana anterior por protestar unha decisión do colexiado. Pero, por sorprendente que pareza, Cissoko seguía sen ser onte xogador do Arousa a todos os efectos, a falta do obrigado tránsfer internacional.

Vendo que o tempo pasa, e que corre o perigo real de non poder contar con Cissoko tampouco para o partido desta semana, na Lomba ante o recén ascendido Estradense, no Arousa decidiron deixar de agardar unicamente pola xestión burocrática da Real Federación Galega de Fútbol, competente na materia. O club vilagarcián dirixíuse onte á Federación Xibraltareña para interesarse directamente polo asunto, e trasladar a urxencia da transferencia da ficha do dianteiro africano consumidas xa as dúas primeiras xornadas de Liga e sen máis futbolistas específicos para o seu posto esta semana. Esta xestión, unida ao prazo límite de 30 días que se manexa neste tipo de xestións internacionais, facían ser onte a Rafa Sáez optimista.

En espera de que a iniciativa dea froito, o técnico arlequinado traballa sobre a premisa de dispoñer fronte ao Estradense de tan só 14 efectivos, ao sumar o expulsado Pacheco ao sancionado Beda. No mellor dos casos, que por fin se poida tramitar a ficha de Cissoko esta semana, Rafa Sáez deberá volver tirar dun xuvenil para completar a súa convocatoria de 16, logo dunha nova vermella coa que tampouco está de acordo, e que deu pé ao penalti que lle permitíu adiantarse o pasado domingo á U.D. Ourense no Couto.

De non poder aliñar a Cissoko, cando menos a Rafa Sáez quédalle a tranquilidade da boa nota obtida do experimento, forzoso, de Javi Otero como falso 9 na última xornada de Liga. «Ya lo habíamos probado en A Illa frente al Céltiga en pretemporada, y ha estado bien, bien. Javi no es un jugador fácil de marcar, sobre todo por centrales corpulentos. El de Ourense fue un ensayo positivo. Generó dos ocasiones claras. En la primera fue derribado en un claro penalti, que no se pitó, y en la otra tuvo un disparo anulado por fuera de juego. Fue una vuelta a sus orígenes», di o técnico, lembrando a aquel Javi Otero que xogaba de punta cando o Valencia o enrolou na súa canteira sendo inda cadete de primeiro ano.