Veloso perde o xersei amarelo ante Brandão, pero déixao a tiro de 15 segundos

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

NUNO VEIGA

Lastrado pola caída do día anterior, o arousán non puido respostar ao ataque do home do Efapel a menos de 2 quilómetros da meta na Serra do Larouco

08 ago 2019 . Actualizado a las 21:57 h.

O liderado da Volta a Portugal deixou de falar galego no cumio da Serra do Larouco, para pasar a adquirir acento luso. Gustavo César Veloso, que viña lucindo o xersei amarelo desde que relevara o seu compañeiro no W52-F.C. Porto, Samuel Caldeira, ao termo da segunda etapa, non foi quen de respostar ao ataque de Joni Brandão no treito final dunha xornada de 156,2 quilómetros entre Bragança e o segundo punto máis alto do Portugal continental. A menos de dous quilómetros da meta, no segundo dos dous portos de primeira do día, precedidos dun de segunda categoría, o líder do Efapel comezou a demostrar ser o principal perigo para o dominio do vilagarcián na presente edición da Grandíssima. Co líder da Montaña Luis Gomes (Radio Popular/Boavista) probándose o mellor na meta entre a ducia de corredores que protagonizaron a fuxida do día desde o quilómetro 25, o foco de atención desprazábase con tres minutos de retardo, ao grupo dos dez mellores homes da xeral. Ninguén puido respostar á demarraxe de Brandão, decimoterceiro da etapa a 3.35 do gañador. Tras el, o resto de aspirantes ao podio, con João Rodrigues (W52) 11 segundos por detrás, mantendo o seu segundo posto na xeral a 1 segundo do home do Efapel, e Veloso cedendo 40, para pasar ao terceiro posto con tan só 15 segundos de desventaxe con Brandão.

A sétima etapa constatou que Veloso foi o máis prexudicado na caída da véspera. Víuselle sufrir xa nos 4,5 quilómetros de ascensión a Torneiros, o primeiro alto de primeira do día, a 40 quilómetros da chegada. O arousán abrigouse no medio do pelotón perseguidor, escoltado polo seu compañeiro Antonio Carvalho, mentres outros tres W52, Ricardo Mestre, Pinto e Rodrigues, aceleraron o pelotón ata a base da Serra do Larouco, para tensionalo despois, peneirándoo de secundarios. Pero Brandão bastouse só no desenlace.

Na meta, Veloso confesou que «levo todo o día con moita dor na perna esquerda, e non conseguín facer toda a forza con ela. Cando Joni arrincou, non din ido con el». Na súa mente, tan só «tentar recuperar e estar mellor cá hoxe» para a oitava etapa, 156,6 quilómetros entre Viana do Castelo e final no porto de terceira en Felgueiras, precedido de dous máis da mesma categoría e un de cuarta na segunda metade do percorrido.