Rafa Sáez asume de novo o reto de tentar levar o Arousa á promoción

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Club e técnico pecharon a renovación do pontevedrés, que a semana que vén comezará a avanzar na confección dun novo equipo con xogadores máis polivalentes

14 jun 2019 . Actualizado a las 20:35 h.

Arousa e Rafa Sáez veñen de ligar os seus camiños por a lo menos unha segunda tempada. Así o confirmaba este mediodía o club, ratificando a impresión do técnico pontevedrés, que o martes daba por feita unha negociación curta para a súa continuidade á fronte do vestiario vilagarcián tras a relección de Manolo Abalo como presidente arlequinado o pasado sábado.

Un punto este último que Sáez non deixou de remarcar ao ser preguntado polas súas razóns para o si á proposta de renovación feita desde as oficinas da Lomba: «Creo que non fai falla volver dicir que a miña sintonía con Manolo Abalo é moi boa. O impulso da miña renovación foi a reelección de Manolo Abalo, dun xeito que non deixou lugar á dúbida. Se Manolo Abalo non fose presidente, seguramente eu tampouco seguiría no Arousa». É, resume Rafa Sáez, unha «cuestión de feeling, de confianza, a que manteño con Abalo e coa directiva do club», di.

 

Asinada a prolongación da relación entre ambas partes, toca poñerse a traballar. E a primeira pregunta é en que parámetros se moverá o segundo proxecto do adestrador do Lérez á fronte do primeiro equipo vilagarcián.

Ao respecto, Rafa Sáez declara que o seu Arousa buscará «conseguir unha mellor clasificación, tentar ter máis acerto, e ser quen de facer unha boa tempada». ¿Fase de ascenso? «Comigo sempre será irrenunciable aspirar á fase de ascenso», sentencia, matizando neste punto que aspiración e ilusión non son sinónimo de obxectivo que marque a diferenza entre éxito ou fracaso.

O primeiro paso que toca dar é, sinala Rafa Sáez, «reflexionar sobre o que fixemos o ano pasado», a fin de tirar a maior aprendizaxe posible. E vista a desfeita que provocou a baixa toda a tempada de Sidibé, e o feito de non ter conseguido un recambio de garantías para o pivote africano, a primeira lección pasa por «buscar reforzos máis polivalentes, que nos permitan non resentirnos en caso de lesións», conta o técnico.

A construción do novo equipo comeza esta mesma fin de semana, que Rafa Sáez empregará, adianta, para trazar a súa folla de ruta en materia de baixas, de renovacións e de fichaxes. Respecto ás primeiras, adianta, a súa intención é citar a mediados da vindeira semana no club a aqueles xogadores cos que non conte para o seu segundo ano á fronte do Arousa. E inmediatamente despois, comezar a trasladarlles as correspondentes ofertas de continuidade a aqueles futbolistas que pretenda seguir dirixindo, sobre o condicionante do mantemento do réxime de adestramentos diarios a primeira hora da tarde para dispoñer dun campo completo no que traballar. ¿Que proporcións manexa en ambos capítulos? «Hai moita xente aproveitable do ano pasado», contesta o preparador, quen non renuncia a conservar os xogadores máis sobresaíntes na tempada recén rematada, caso de Luis García e do segundo máximo goleador do grupo galego da Terceira, Sylla (24 tantos).

 

Carlos Torrado, con ficha en vigor

Por diante, cinco semanas para confeccionar un equipo que comezaría a pretempada na cuarta semana de xullo, con Carlos Torrado, pola súa condición de sénior de segundo ano, como único xogador con ficha en vigor co Arousa a vindeira tempada.

Máis aló do deportivo, Rafa Sáez ofreceuse a colaborar no que o Arousa precise nunha nova etapa, a dos catro anos de novo mandato que inicia Manolo Abalo, que o club debe aproveitar, sostén o técnico, para «cimentar as bases do Arousa do futuro, modernizando a institución» para adaptala ás esixencias dun hipotético futuro ascenso á Segunda División B.