A guerra contra o cancro de mama metastásico gaña a batalla de Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Oubiña concretará nos vindeiros días unha recadación para investigación disparada no día da marcha solidaria

04 jun 2019 . Actualizado a las 18:14 h.

Exhausta inda pola paliza do día anterior, pero cun sorriso de orella a orella. E non é para menos. A arousá Araceli Oubiña amosábase onte encantada polo que xa se intuía ao peche o pasado mércores da inscrición da I Marcha Solidaria para a Investigación do Cancro de Mama Metastásico. Unha iniciativa da propia Araceli, unha das afectadas pola enfermidade, e membro da asociación que a comezos de ano se constituía en España co fin de promover o avance científico na erradicación deste tipo de cancro. Máis de 600 persoas participaron activamente, de forma presencial, na marcha a pé e en bicicleta de montaña polo monte Xiabre. Pero o que é máis importante, a recadación non deixou de medrar. Cuns 130 euros máis na fila 0, daqueles que quixeron contribuír sen querer facer os 6,8 quilómetros andando ou os 20 de BTT, ou ben non chegaron a tempo de inscribirse. Tamén coa venda de rifas e de camisetas.

A entrada de novos ingresos retrasará uns días o cálculo final de todo o recadado durante as últimas semanas coa marcha solidaria vilagarciá. A falta da cifra redonda, que Araceli Oubiña adianta fará pública en breve nada máis se peche o balance, a promotora da iniciativa aventuraba onte que os 7.000 euros que calculaba na presentación do evento o pasado xoves «van quedar curtos. Ten boa pinta. Creo que imos superar todas as previsións», di. Dobrando os entre 3.000 e 4.000 euros que cría ían reunir cando, na concepción da marcha, confiaba en contar con 200-300 inscritos.

O diñeiro recadado terá dous destinos. Por un lado, contribuír economicamente ao proxecto Cronos Hope que desenvolve un grupo de investigación do Hospital Clínico de Barcelona, cun vídeo explicativo proximamente na páxina de Facebook da marcha solidaria vilagarciá. Por outro lado, alimentar unha bolsa de investigación que a Asociación de Cancro de Mama Mestastásico sacará a concurso.