As mulleres da Bouza fan historia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Cedida

O Umia C.F. vén de conseguir o salto á categoría de bronce do balompé feminino español a base de reunir moito talento nunha pequena gran familia

28 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Umia Club de Fútbol será a vindeira tempada praza no balompé estatal. O seu primeiro equipo feminino conseguía a primeira hora da noite do domingo un fito histórico na longa traxectoria da entidade de Barrantes: O salto á Segunda B, categoría de bronce de nova creación, na que coincidirá co Atlético Arousana. Na súa sexta tempada de existencia, o conxunto que desde hai catro anos dirixe o vilagarcián Moisés Campos batía por segunda vez en sete días o Mos cun 2-0 no céspede da Bouza, sumado ao 1-2 co que rematara o primeiro asalto a semana anterior en campo sureño. O Umia C.F. ratificaba a superioridade do terceiro clasificado na fase regular da Primeira Autonómica, con 71 puntos en 30 partidos, sobre o cuarto mellor equipo do campionato, que rematara a Liga con 10 puntos menos no seu haber.

Ao Umia tocoulle sufrir. E moito. Non foi ata o minuto 81 cando Lidia Varela abría o marcador da segunda volta da eliminatoria, deixándoa zanxada, co tanto de Antía González redondeando a festa no minuto 4 da prolongación.

A tensión agarrotou as pupilas de Moisés Campos, cun cadro de persoal Sub-25. A confesión da súa capitana e veterana, Míriam Domínguez, regala unha inmellorable composición de lugar. A piques de cumprir os 30 anos, con tres tempadas na máxima categoría do balompé español, a Primeira División -Oviedo, L’Estartit, El Olivo-, nas súas pernas e cabeza, a centrocampista vilagarciá declaraba onte que «yo estaba muy nerviosa. Me decía, ¡Jo! ¡A qué vienen estos nervios!». E é que se ben «teníamos el resultado a favor, los partidos hay que jugarlos», di. De aí que «me lo tomé como algo personal».

Míriam Domínguez, o compás que leva marcando o norte do Umia C.F. nas catro últimas tempadas, sinala o gran segredo detrás do éxito do equipo arousán: «Para mí el Umia es ya una familia. Las compañeras, tanto dentro como fuera, son amigas. Y tenemos un equipo xeitoso. Y al final, se nota».

Da mesma opinión é o adestrador do equipo, Moisés Campos: «Na miña primeira tempada fumos sétimos, logo quintos, cuartos e esta tempada terceiros. Cada ano mellorando. Foi un traballo moi lento, pero efectivo. A miña intención era ter marchado o verán pasado. Pero a insistencia de Félix -González, coordinador de fútbol feminino do Umia C.F.- convenceume». Algo no que resultou fundamental o feito de que «desde que cheguei ao Umia é como unha familia. No momento no que entras, non te queres ir. Dino tamén as xogadoras. Fíxose un grupo dun bo nivel deportivo, e que é unha familia. E iso foi fundamental neste ascenso».

Con todo, Moisés Campos aproveita a ocasión para reivindicar non só o actual cadro de persoal do Umia C.F. e os seus colaboradores técnicos, Jorge Gómez e Marina Reboredo, senón a «todas as xogadoras e directivos que pasaron estes seis anos polo equipo», manifesta o adestrador. «Merecéramos ascender xa ao termo da Liga, e ao final fixéronnos xogar dous partidos máis. Desde o comezo da tempada loitaramos por isto», conta Moisés.

O ascenso non tería sido posible sen a decisión, seis anos atrás, do daquela presidente do Umica C.F. Félix González de apoiar a un grupo de deportistas procedentes do fútbol sala no seu desexo de montar un equipo de fútbol. Algunha desas pioneiras continúa no filial montado a presente tempada na Segunda Autonómica, ao que o club do Salnés engadíu un equipo promesas -alevín- de 14 nenas, con previsión dun conxunto infantil de 18-20 rapazas o vindeiro curso. «O ascenso é unha ilusión. Levabamos tres anos acariciándoo» fala o coordinador do fútbol feminino do Umia C.F. «Unha alegría tremenda», engade Manuel Abuín, Piris, o presidente do club. Alegría que as de Moisés Campos poden engordar na súa inmimente final da Copa Deputación, fronte ao Valladares.

O cadro masculino do club adiántase no primeiro dos dous cruces cara a Preferente

Na directiva do Umia C.F. soñan con poder celebrar non un, senón dous ascensos esta tempada. O conxunto masculino, terceiro clasificado do Grupo 5 ao termo da fase regular da Liga de Primeira Autonómica, superaba o domingo 1-2 o Gran Peña na ida da primeira eliminatoria. Con Agus e con Dani Bugallo poñendo en franquicia o choque nos minutos 25 e 28, para ver como o local Óscar recurtaba no arrinque da segunda parte.

O conxunto que desde mediados de tempada dirixe José Luis Uhía, Piscis, confía en non rematar lamentando esta semana na volta as moitas ocasións que fallou o domingo, incluído un penalti executado por Adrián Camiño por enriba do traveseiro. De superar o Gran Peña, o Umia debería impoñerse despois ao gañador do Arcade-Racing Castrelos.