Diminúen as infraccións por exceso de velocidade nas rúas de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Víctor Pita é a vía que rexistra maior número de infraccións e a velocidad máis alta en abril detectouse en Agustín Romero. En maio continúan os controis por parte da policía local

08 may 2019 . Actualizado a las 20:48 h.

O informe mensual da Policía Local de Vilagarcía sobre o resultado dos controis de velocidade realizados nas vías urbanas do municipio durante o mes de abril constata unha redución do número de infraccións detectadas en relación ao mes anterior. Si en marzo se denunciou por exceso de velocidade ao 17 % do total dos vehículos controlados, a porcentaxe diminuíu ao 9,9 % en abril. «Esta evolución pon de manifesto a eficacia que en canto ao efecto disuasorio está a ter o sistema de controis aleatorios mensuais e da información previa dos mesmos», segundo informan desde Ravella.

En abril, o radar móbil da policía instalouse en diferentes rúas urbanas do termo municipal e mediu a velocidade dun total de 2.879 vehículos, dos que 287 superaban o límite establecido para cada rúa así como a marxe de erro que se aplica sempre neste procedemento. Nestes datos inclúense os controis realizados no marco da campaña extraordinaria da DXT, desenvolvida do 1 ao 7 de abril.

As maiores velocidades rexistráronse na avenida Agustín Romero, limitada a 50 quilómetros por hora, onde se detectaron un vehículo circulando a 89 q/h e outro a 82. Tamén se rexistraron velocidades especialmente altas na rúa Outeiro, de Bamio, cun máximo de 81 q/h.

A rúa con maior porcentaxe de infraccións foi o tramo de Víctor Pita máis próximo á depuradora -fronte á praia de Canelas-, cun 51 % de vehículos circulando por riba dos 30 q/h permitidos. Compre salientar que se trata dun tramo de vía perigoso onde se teñen producido graves accidentes e incluso un atropelo mortal. Tamén a avenida Valle Inclán soporta velocidades por riba do permitido nun 39 % dos vehículos controlados. Os controis aleatorios continúan este mes. Entre os días 1 e 5 de maio, a policía local mediu a velocidade dos vehículos que circulaban por Valentín Viqueira, San Xoán de Bamio, as avenidas de Rubiáns, Vilanova e Cornazo e as rúas Os Martices e Montiño.

Ata o 12 de maio, realizaranse controis aleatorios nas rúas Valentín Viqueira, Outeiro e Vilar, O Vento, Os Martices, Arealonga e nas avenidas de Vilanova, Agustín Romero, Valle Inclán e Víctor Pita.