Diminúen as infraccións por exceso de velocidade nas rúas de Vilagarcía

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Víctor Pita é a vía que rexistra maior número de infraccións e a velocidad máis alta en abril detectouse en Agustín Romero. En maio continúan os controis por parte da policía local

08 may 2019 . Actualizado a las 20:48 h.

O informe mensual da Policía Local de Vilagarcía sobre o resultado dos controis de velocidade realizados nas vías urbanas do municipio durante o mes de abril constata unha redución do número de infraccións detectadas en relación ao mes anterior. Si en marzo se denunciou por exceso de velocidade ao 17 % do total dos vehículos controlados, a porcentaxe diminuíu ao 9,9 % en abril. «Esta evolución pon de manifesto a eficacia que en canto ao efecto disuasorio está a ter o sistema de controis aleatorios mensuais e da información previa dos mesmos», segundo informan desde Ravella.

En abril, o radar móbil da policía instalouse en diferentes rúas urbanas do termo municipal e mediu a velocidade dun total de 2.879 vehículos, dos que 287 superaban o límite establecido para cada rúa así como a marxe de erro que se aplica sempre neste procedemento. Nestes datos inclúense os controis realizados no marco da campaña extraordinaria da DXT, desenvolvida do 1 ao 7 de abril.

As maiores velocidades rexistráronse na avenida Agustín Romero, limitada a 50 quilómetros por hora, onde se detectaron un vehículo circulando a 89 q/h e outro a 82. Tamén se rexistraron velocidades especialmente altas na rúa Outeiro, de Bamio, cun máximo de 81 q/h.