O Kenpo Vilagarcía, ao asalto do Campionato e da Copa do Mundo

Nove deportistas do equipo arousán inician hoxe con España a dobre cita en Guadalajara


vilagarcía / la voz

Guadalajara reúne desde o martes e ata o sábado a elite do kenpo internacional arredor do Campionato e da Copa do Mundo, o primeiro para categorías sénior e xuvenil, e o segundo para a cadete e infantil. Coa selección española estreando condición de anfitrioa con nove deportistas do Kenpo Vilagarcía nas súas filas. Nove pupilos de Mario Hermo da capital arousá, de Vilanova e da Illa que gañaron cadansúa internacionalidade no Campionato de España un mes atrás. O reto, engordar o palmarés arousán na cita máis importante da especialidade. Un Mundial no que o vilagarcián Pedro Muñoz Fole defende condición de campión e loce o rol de veterán, logo de ter participado xa nos dous últimos Mundiais; todos os que contaron cunha selección hispana que ata o 2017 non se estreara nunha gran reunión internacional que en Guadalajara chega á súa decimosexta edición.

Logo das xornadas de pesaxe, de recoñecementos médicos e de controis antidoping, a pelexa polas medallas comeza hoxe, para continuar ata o sábado, último día de competición. Con Pedro Muñoz participando nas modalidades de kata, de armas, de combate semikenpo e de kata por equipos. No seu segundo Mundial, o seu compañeiro Ricardo Ramos Suárez, subcampión na pasada edición, pelexará en kata, en defensa persoal dúo mixta, en combate semikenpo e en kata por equipos. Laura Guimarey Longo, campioa de España, completa a nómina de deportistas séniores do K. Vilagarcía en Guadalajara, inscrita nos cadros de kata, de defensa persoal dúo mixta e de kata por equipos. No cadro júnior o equipo arousán conta con Pablo García García, tamén campión estatal, en kata, en armas e en defensa persoal dúo mixta, e con Sócrates Agudo Torrado, en kata, en armas, en defensa persoal dúo mixta e en combate semikenpo.

Na Copa do Mundo figuran o cadete Ibai Otero Gómez, en kata, en armas e en combate semikenpo, e os infantís Sergio Alba Vázquez, en kata, en defensa persoal dúo mixta masculina e en combate semikenpo, Juan Rodríguez Alcalde, en armas, en defensa persoal dúo mixta masculina e en combate semikenpo, e Sofía Griffini Senra, en combate semikenpo.

Pola súa banda, Mario Hermo participa como colaborador da organización do Mundial, e acudirá ao curso de árbitro mundial que se imparte en paralelo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Kenpo Vilagarcía, ao asalto do Campionato e da Copa do Mundo