O caracol sol sol volve asomar polas bibliotecas do municipio

B. c.

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O 23 de abril arrinca «A hora do conto» e un obradoiro de marca páxinas para os máis cativos

17 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Co gallo do Día do libro, o vindeiro 23 de abril, proliferarán as actividades relacionadas coa lectura e a literatura. En Vilagarcía xa anuncian que volverá asomar polas bibliotecas municipais O caracol sol sol, a personaxe sobre a que se sustenta «A hora do conto», que levará a maxia dos contos aos alumnos de primaria dos colexios do municipio. A campaña desenvolverase na biblioteca Rosalía de Castro e nas axencias de lectura de Vilaxoán, Bamio e Carril e arrinca o día 23 co colexio San Francisco.

Caracol sol sol é o protagonista nunha sesión de contacontos que se complementa con actividades relacionadas coa historia relatada -xogos, globloflexia, debuxos ou cancións-, «coas que potenciar a imaxinación, creatividade e cooperación dos nenos e nenas», segundo explican desde Ravella. A actividade ten unha segunda parte máis práctica consistente en explicarlles aos nenos o funcionamento dos servizos bibliotecarios: horarios, requisitos para facerse socios, fondos bibliográficos e audiovisuais existentes, servizo de préstamo… a efectos de que se animen a ser usuarios e cultiven o gusto pola lectura. Outra das actividades incluídas nesta campaña será a organización dun obradoiro de creación de marca páxinas durante a semana do 23 na biblioteca Rosalía de Castro.