Vilagarcía en Común sitúa a Gaspar González no posto tres e a Fajardo, no seis

La Voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

Mónica Irago

A formación agardará a primeiros de maio para facer a presentación pública do seu proxecto para as municipais

13 abr 2019 . Actualizado a las 20:55 h.

Vilagarcía en Común presentou este sábado aos integrantes da súa candidatura para as eleccións municipais do 26 de maio, unha lista que pretende ser «unha representación coral da vila, das distintas parroquias e colectivos sociais e profesionais e coa que a formación que encabeza Suso López aspira a levar ao goberno de Ravella a voz e as inquedanzas da cidadanía vilagarciá», segundo subliña a formación.

Logo de dar a coñecer os nomes do cabeza de lista e da súa número dous, Vilagarcía en Común presentou nos xardíns de Ravella as persoas que acompañarán a Jesús López e a Susana Camiño. O número tres da lista é para Gaspar González Somoza, concelleiro de Somos Maioría, filólogo, actor de dobraxe e músico; no número catro vai María Mosquera, actual concelleira no grupo municipal de Esquerda Unida e xornalista. O número cinco ocúpao Fernando Quintela, enfermeiro no centro de saúde de San Roque e veciño da Lomba; o número seis é para Juan Fajardo, que acumula unha longa experiencia en política, xa como concelleiro de Esquerda Unida en Vilagarcía, ou como deputado no Parlamento de Galicia coa coalición AGE. Susana Coello, veciña de Sobradelo e mariscadora, ocupa o posto número sete; no oito vai Andrés Abalo, veciño de Rubiáns e membro da executiva de Esquerda Unida; no nove Asunción Caeiro, veciña de Guillán e traballadora nunha fábrica; o dez é para Santiago Garrido, activista pola recuperación do patrimonio de Vilagarcía, e no número once vai María Dolores Carro, veciña de Carril e hixienista dental.

En Común anuncia que a lista completarase con veciños de Cornazo, Bamio ou Vilaxoán e que o seu proxecto, xa pechado, presentarao á cidadanía a primeiros de maio.