O pechacancelas baleira un balde de auga fría sobre un fráxil Arousa

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

Benja, no minuto 91, acabou de voltear o marcador cun 3-2 a prol do Porriño Industrial

30 mar 2019 . Actualizado a las 23:39 h.

Pendente do que aconteza co groso da xornada de Liga de Terceira División na tarde dominical, o Arousa vén de dar un gran paso atrás no seu intento de reengancharse a tempo á pelexa pola cuarta e última praza con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso a Segunda B. Encaixando tres tantos a domicilio do pechacancelas, Porriño Industrial, o último deles no tempo de desconto, fronte ao único gol anotado por un Arousa que no minuto 62 se adiantaba coa colaboración do local Miki. O esforzo e o mérito de terlle recurtado o cadro arlequinado 9 dos 13 puntos de ventaxe que lle sacaba a U.D. Ourense mes e medio atrás pode verse fatalmente comprometido polo sucedido no céspede do Lourambal.

O Arousa protagonizou unha mala saída ao campo. E o Porriño non desprezou tamaño regalo. Leandro abría a lata vilagarciá xa no minuto 3 nunha segunda xogada tras un córner.

Por fortuna para os de Rafa Sáez, Pablo González empataba só dez minutos despois nun saque de esquina. A partir de aí, e como practicamente en todo o resto do partido, o Arousa foi encadeando numerosas accións con semente de gol. Un remate de Sylla con pouco ángulo case no saque de centro posterior ao 1-1, un remate de Chiqui por fóra no 16, ou un disparo de Luis García no 26 que tiveron que sacar entre o porteiro e un defensa locais. Pero o Porriño controlaba o tempo do xogo, en tanto conseguía impoñer un partido de ida e de volta no que Manu Táboas tivo que intervir para atallar un disparo de Richi, con Miki topándose coa zaga visitante nun remate nun córner.

Tras o descanso o Arousa saíu moito mellor. Sylla non tardou en cabecear o esférico a rentes do longueiro. E no 62 un centro de Chiqui atopaba a axuda de Miki para subir o 1-2 ao marcador.

Lonxe de virse abaixo, o Porriño demostrou a súa sona de equipo que morre pola fe na idea de fútbol total do seu adestrador. Acumulando máis homes no ataque para ratificar as estatísticas manexadas polo corpo técnico do Arousa, que advertían de que o 70 % dos tantos do seu adversario os producía no derradeiro cuarto de hora dos partidos. Tras dous avisos, reestablecía a igualada no 79 da man de Gabri, e axustizaba o conxunto vilagarcián no 91, con Benja como brazo executor.

«El peor partido de la Liga»

O adestrador do Arousa, Rafa Saéz, non dubidaba ao termo do choque en recoñecer que foi este «el peor partido de la temporada» do seu equipo. O técnico láiase do «sinfín de ocasiones para cerrar el partido», e da «metamorfosis» do Arousa respecto ás últimas xornadas. «Si metiendo dos goles en casa del colista no ganamos, es que defendimos mal», resume.

FICHA:

PORRIÑO INDUSTRIAL (3): Migui, Isma (Claudio, min 70), Portas, Alberto, Miki, Diego Rocha, Caramés, Richi (Gabri, min 78), Leandro, Alberto Campo (Edu, min 65) y Benja

 AROUSA (2): Manu Táboas, Torrado, Suso (Javi Nogueira, min 60), Pacheco, Pablo González, Iago Martínez (Mou, min 51), Trapero, Julio Rey, Luis García, Chiqui y Sylla

Goles: 1-0, min 3: Leandro. 1-1, min 12: Pablo González. 1-2, min 62: Miki (en propia porta). 2-2, min 79: Gabri. 3-2, min 91: Benja. 

Árbitro e tarxetas: Francisco Xabier Rodríguez (A Coruña). Amonestou o xogador local Richi, e os visitantes Trapero, Julio Rey e Pablo González.