Un Arousa sen Javi Otero nin Cubas, en garda ante o pechacancelas

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Molestias musculares do interior levan a Rafa Sáez a reservalo por precaución coa vista posta no partido da vindeira semana co Barco

30 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa abre hoxe a trixésima xornada de Liga do grupo galego de Terceira División co seu partido a domicilio fronte ao pechacancelas, o Porriño Industrial (Lourambal, 18 horas). Ou o que é o mesmo, un encontro ante o único equipo xa virtualmente descendido a dous meses inda da conclusión do campionato.

Que o Porriño Industrial sume tan só 15 dos 87 puntos disputados ata o momento, un terzo dos que se axenciou o Arousa, eleva o grao de obriga do conxunto arlequinado á hora de saldar o choque con vitoria no seu esprint polo cuarto posto na liña de meta da carreira polos billetes para a fase de ascenso. E porén, nin moito menos é indicativo dun partido de transición.

O adestrador do Arousa, Rafa Sáez, declaraba onte que o Porriño «infúndenos moito respecto», cun adestrador que foi quen de dotar o equipo de «personalidade, dunha identidade propia», que pasa polo manexo do balón.

Con todo, fronte á disputa pola posesión da pelota, Sáez non desbota tirar desta volta do recurso ao contragolpe aproveitando as grandes dimensións do Lourambal, subliñando na véspera a importancia de «ser intensos» en todas as facetas do xogo.

O Arousa recupera a Pacheco e a Mou, sancionados a semana pasada, e o porteiro Aarón, tras varios meses de baixa por un accidente de tráfico. Mais os xuvenís Antón e Raúl deberán volver completar a convocatoria polas baixas de Quique Cubas, que víu a súa quinta amarela, e un Javi Otero ao que Rafa Sáez preferíu reservar por precaución ante unhas molestias nun cuádriceps, co Barco, quinto clasificado, visitando a A Lomba a vindeira semana.