O Arousa recortoulle en mes e medio 9 puntos ao cuarto clasificado

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Tras unha sangría de puntos como local, a blindaxe dos de Rafa Sáez na Lomba nos seus tres últimos partidos devolveulle ao equipo a condición de candidato á fase

26 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 1-0 sobre a U.D. Ourense do pasado domingo supuxo moito máis ca 3 puntos para o casilleiro do Arousa. O triunfo sobre o cuarto clasificado confirmou a recuperación do equipo de Rafa Sáez da condición de candidato á promoción de ascenso coa que arrincara a Liga 2018/19, e que ao termo da xornada 23, hai apenas mes e medio, perdía tras a súa derrota pola mínima no campo do Alondras, 1-0. Un tropezo este que enviaba o cadro arlequinado á novena praza da clasificación a 13 puntos de distancia da U.D. Ourense, que xa daquela figuraba na cuarta praza. Seis xornadas despois o Arousa é sétimo, pero a tan só xa 4 puntos da súa última vítima e co goal average do lado vilagarcián cando inda restan nove encontros máis para a conclusión da Liga.

Fronte ás catro derrotas consecutivas da U.D. Ourense, o Arousa suma 13 dos últimos 18 puntos disputados, con catro triunfos, un empate e o único lunar do 4-0 encaixado hai nove días na Malata a mans do líder, Racing de Ferrol. Una xeira que coincidíu coa maior cantidade de baixas semanais da tempada nun Arousa cun cadro de persoal do máis reducido, e que se sustenta sobre a capacidade do colectivo de Rafa Sáez de poñer fin á súa debilidade como anfitrión, para transformar A Lomba no fortín que precisa para dar o gran salto. Así, tras gañar tan só catro dos seus doce compromisos precedentes como local na Liga, o Arousa saldou con 9 puntos as tres últimas visitas, do Silva, do Compos, e da U.D. Superado con éxito o seu Tourmalet, este sábado mediráse a domicilio ao pechacancelas, Porriño.