A Panadeira presenta en Vilagarcía a premiada «Lisa e Marcela»

La voz VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARCOS MÍGUEZ

A obra de teatro chega ao auditorio o vindeiro sábado, ás 21 horas. O prezo da entrada é de 5 euros

25 mar 2019 . Actualizado a las 11:03 h.

O teatro regresa esta fin de semana a Vilagarcía cunha versión da sorprende historia protagonizada a principios do século XX por Elisa e Marcela, dúas mulleres galegas que desafiaron á sociedade da época por amor e que lograron casarse. A compañía A Panadeira representa esta historia en clave musical e de humor na obra de teatro que se poderá ver o sábado, 30 de marzo, a partir das 21 horas no auditorio. A entrada custa 5 euros.

O relato desta obra comeza no ano 1901, na Coruña. Dúas mulleres casan na Igrexa de San Xurxo, unha delas vestida de home. Trátase dunha historia de persecucións policiais, fuxidas en dilixencia, cambios de identidade e informacións manipuladas. As cómicas de A Panadaría presentan unha reconstrución irreverente dun suceso real. Unha comedia musical onde o verídico parece invento. Elisa e Marcela é unha historia de amor a contratempo.

Esta obra coproducida polo Centro Dramático Galego foi galardoada como Mellor espectáculo nos Premios María Casares 2018, e tamén coa mellor dirección, mellor texto orixinal e mellor actriz protagonista (Areta Bolado) nos mesmos premios. Tamén obtivo o Premio Luísa Villalta para iniciativas culturais pola igualdade, o XIV Premio LGBT Marcela y Elisa entregado polo Colectivo ALAS A Coruña, o Premio do público MIT de Ribadavia 2018 e o Fetega do Carballiño 2018. No seu currículo suma tamén o Premio ex aequo a Mellor actriz (Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman) no Fetega 2018.

A Panadaría é unha nova compañía de teatro formada por Areta Bolado, Noelia Fernández e Ailén Kendelman. O seu primeiro espectáculo PAN!PAN! recibiu diferentes recoñecementos, convertendo á compañía nunha das revelacións teatrais da tempada 2014-2015. Nos seus comezos gañou o 1º Premio Xuventude Crea 2013. No ano 2015 Ailén Kendelman foi nomeada aos Premios María Casares por Mellor Música Orixinal e Areta Bolado recibiu o Premio María Casares por Mellor Actriz Secundaria polo seu traballo en PAN!PAN!

«Elisa e Marcela» chega a Vilagarcía a través da rede Galega de Teatros e Auditorios e do convenio Concello-Agadic. Como en todos os espectáculos desta programación, a entrada ten un único prezo de 5 euros. Os billetes pódense adquirir anticipadamente (máis custes de xestión) a través de www.ticketea.com ou do teléfono 902044226. De non esgotarse antes, tamén se porán á venta o día da función no auditorio a partir das 19 horas, neste caso sen ningún custe engadido.

A Concellería de Cultura tamén ofrece a gratuidade da entrada (ata un máximo de 75 localidades) ás persoas en situación de desemprego, estudantes e maiores de 65 anos. En todos os casos debe acreditarse a situación presentando tarxeta de desemprego, carné xóven e DNI, respectivamente.