O Arousa comeza preparar en cadro a súa finalísima coa U.D. Ourense

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

JOSE PARDO

Con Pacheco e con Mou sancionados, Rafa Sáez deberá convocar a lo menos a tres xuvenís, que poderían ser cinco ante os problemas físicos de Iago e de Suso. Hoxe o equipo volve xogar na Copa Deputación

19 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«O partido deste domingo marcará o noso destino nas nove xornadas restantes da Liga». O adestrador do Arousa, Rafa Sáez, non agocha a trascendencia do encontro que esta semana disputará o seu equipo ante a U.D. Ourense no estadio da Lomba. E é que, cos números na man, calquera resultado que non pase por un triunfo arlequinado suporía virtualmente o adeus xa definitivo do Arousa á carreira pola cuarta e última praza con dereito a disputar a vindeira fase de ascenso a Segunda B, posto ocupado hoxe polo seu vindeiro rival, que suma 7 puntos máis tras 28 xornadas de Liga.

Resultando igualmente da maior das relevancias, a urxencia do cadro vilagarcián teríase rebaixado un grao de ter conseguido prolongar a súa gran serie de resultados fronte aos ocupantes da zona nobre da táboa, en troques de caer o pasado domingo con tanta contundencia, 4-0, como xustiza ante un Racing de Ferrol recén devolto ao alto da clasificación do grupo galego da Terceira.

Sostendo Rafa Sáez que o golpe da Malata «a nivel anímico, non vai ter ningún impacto no equipo», o maior lastre que debe comezar a xestionar o técnico arlequinado é o impacto das numerosas baixas nas súas filas. Unha realidade coa que leva convivindo boa parte da tempada o Arousa tras apostar por un cadro de persoal de calidade, pero curto, mais cunha incidencia maior ante equipos do poderío da U.D. Ourense, que chegará tocada logo de tres derrotas encadeadas.

Pacheco, expulsado no minuto 46 en Ferrol, e Mou, que víu o quinto cartón amarelo da tempada, serán esta semana baixa por sanción. Pero é que Iago Martínez, cunha forte contunsión no talón de Aquiles dereito, e Suso, que rematou o domingo co tendón rotuliano esquerdo inflamado, eran onte serias dúbidas. Con tres xuvenís seguros na convocatoria do domingo, Sáez podería ter un banquiño cheo de canteiráns.

Volve a Copa para vilagarciáns e illenses

A Copa Deputación completa esta semana a súa segunda rolda. Cos dous conxuntos do Salnés de Terceira División na competición dirimindo esta noite cadansúa eliminatoria. Comezando polo Arousa, que a partir das 20.30 horas xoga no campo do Campo Lameiro. Dado o seu curto cadro de persoal, as lesións de media duración de Cristóbal e de Manu Rodríguez, e as dúbidas sobre a posibilidade de participación no encontro de Liga desta semana de Iago Martínez e de Suso, Rafa Sáez convocou a sete xuvenís, incluídos os dous porteiros. Pacheco, Pablo González, Trapero, Mou, Javi Otero, Luis García, Chiqui, Javi Nogueira e Quique Cubas son os nove futbolistas do primeiro equipo na lista copeira. O Céltiga, pola súa banda, mídese a domicilio a partir das 21 horas á Lama.