O Cortegada queda sen gasolina no treito final

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

As de Rubén Domínguez sofren un excesivo castigo do Barça C.B.S.

16 mar 2019 . Actualizado a las 20:20 h.

Derrota inapelable a encaixada pola Agrupación Deporiva Cortegada na cancha dun Barça C.B.S. que viña de perder os seus catro encontros precedentes, e precisaba recuperar o bo camiño para continuar pelexando por unha praza na vindeira fase de ascenso. Con todo, o 77-56 final dista de axustarse á diferenza de nivel e de xogo entre ambos equipos, cun marcador que agocha o afundimento físico sufrido polo equipo de Rubén Domínguez nos derradeiros cinco minutos de partido, lastrado por unha Hannah Shaw minguada polos problemas que arrastra nun xeonllo desde o xoves, e polas catro faltas coas que Míriam García contaba xa no segundo cuarto. O Barça C.B.S. acabou disparado con catro das súas doce triplas transformadas na tarde entrando na canastra defendida polo Cortegada nos últimos 3 minutos e 32 segundos de xogo.

Máis aló do xa apuntado, o cadro vilagarcián competíu atado por dúas graves eivas no seu baloncesto. Unha pobre porcentaxe de acerto no lanzamento de dous, e un exceso de perdas, 24 ao termo do encontro fronte ás 16 dun rival que puido compensar deste xeito a superioridade no rebote do Cortegada -40 capturas, polas 28 do equipo local-.

O Barça C.B.S. dominou o electrónico practicamente a totalidade do tempo de xogo. No primeiro cuarto, sen pasar dunha máxima de 5 puntos, repetida no 17-12 ao seu peche, para dar o primeiro estirón no segundo, chegando a irse de 9, 30-21, recurtado polo Cortegada ao 32-26 ao descanso con Cristina Loureiro como faro.

A suma da imprescindible Sara Gómez á fronte do carro vilagarcián permitíulles ás de Rubén sacar as gadoupas no terceiro cuarto, que comandou brevemente cun +2. No minuto 28,18 Sangalli poñía cun tiro libre o 38-39. Pero cun 43-39 de saída, o Barça tirou de reserva de combustible no derradeiro acto para pasarlle por enriba ao seu hóspede.

 

FICHA:

BARÇA C.B.S. (77): Beatrice Carta (9), Claudia Baraut (3), Sheila Dixon (7), Regina Aguilar (28) e Aixa Wone (7) -quinteto titular-; Xenia Artiga (8), María del Carmen Blanco (2), Anna Boleda (11), Laura Soria (2) E Paula Curto

A.D. CORTEGADA (56): Sara Gómez (14), Salomé García (17), Cristina Loureiro (14), Izabella Sangalli (5) e Hannah Shaw -quinteto titular-; Andrea Ríos (2) e Míriam García (4)

Parciais (e marcador) cada cuarto: 17-12, 15-14 (32-26 ao descanso); 11-13 (43-39) e 34-17 (77-56, resultado final).

Árbitros e persoais: Ricardo Jerez e Víctor Carreras. Sinaláronlle 20 faltas ao Barça C.B.S., por 14 ao Cortegada.