As versións B do Arousa e do Céltiga inician a Copa

Rafa Sáez convoca a nove xuvenís, e Javi Rey a non menos de catro canteiráns


Co sabor de cadansúa vitorias a pasada fin de semana na Liga de Terceira, o Arousa e o Céltiga -o Ribadumia declinou participar na competición- inician esta semana a súa participación na Copa Deputación 2019. E fano, como resulta lóxico, priorizando as súas necesidades no torneo da regularidade, con ambos os dous adestradores pensando en reservar o groso dos seus mellores homes, sobre todo daqueles máis desgastados polo exceso de minutos a estas alturas da tempada. Unha medida que obriga a tirar de canteira para afrontar o torneo do k.o.

O Céltiga debuta esta noite, ás 21 horas, no campo do Mosteiro. Faráo tras os dous días de descanso que o adestrador do conxunto illense, Javi Rey, decidíu darlles aos seus homes logo do importante triunfo colleitado o pasado sábado no feudo do Barco. A cuarta vitoria do cadro arousán nas sete últimas xornadas. É por iso que o técnico decidíu convocar os 18 futbolistas sans do primeiro equipo e facer hoxe os descartes, todos agás Capi e un Lucas Carminatti que apunta a poder reaparecer este domingo no Salvador Otero ante un Boiro rival directo pola permanencia. Xunto a eles, non menos de catro xuvenís, adiantaba onte Javi Rey.

Rafa Sáez multiplica esa cifra por algo máis de dous. Con nove xuvenís se presentará mañá ás 21 horas o Arousa no campo da S.C.D. Poio. No seu caso, obrigado polas circunstancias. Con tan só quince homes do conxunto de Terceira en disposición de xogar, e cun deles, Javi Otero, sancionado para o durísimo compromiso que este domingo ten o Arousa no feudo do líder, Bergantiños, Rafa Sáez decidíu non expoñer a Manu Táboas, Torrado, Pacheco, Trapero, Julio Rey, Chiqui, Luis García nin Sylla. Só sete futbolistas do primeiro equipo aparecen na convocatoria copeira: Pablo González, Iago Martínez e Suso, Mou e Javi Otero, e Javi Nogueira e Quique Cubas.

Sáez descartaba onte unha lesión de Chiqui, que sufríu un golpe dun xeonllo nun muslo, ao tempo que salientaba que os seus homes están «muy contentos por la victoria» sobre o Compos o domingo na Lomba, que cualifica de «recompensa al esfuerzo hecho, sobrehumano» tras ter que xogar máis dunha hora en inferioridade pola expulsión de Javi Otero.

Resto da xornada copeira

Logo da disputa do groso da primeira rolda da Copa a semana pasada, estes son os outros duelos con protagonismo arousán que se xogarán esta semana. Hoxe, Santomé-Pontearnelas (21 horas), mañá Berres-Cordeiro (21) e Zacande-Vilalonga (21.30); e o xoves Soutomaior-U. Dena (21) e Libertad-Catoira (21).

O cadro da Illa deixou a zona de descenso tres meses despois

Catro vitorias nas sete últimas xornadas, e 13 puntos sumados dos 21 en xogo nese intervalo de tempo valéronlle a pasada fin de semana ao Céltiga para abandonar a zona de descenso directo tras tres meses completos instalado na mesma. Concretamente, desde que na decimoquinta semana de competición se precipitara ao antepenúltimo posto da táboa. Unha xornada despois o cadro illense baixaba un chanzo máis, ata o penúltimo, no que permaneceu ancorado ininterrumpidamente durante nada menos que dez xornadas.

O Céltiga é hoxe decimosexto na clasificación do grupo galego da Terceira División con 27 puntos. Tan só 1 menos có C.D. Ribadumia, situado tamén xusto unha praza por enriba. Os dous veciños terán o vindeiro domingo compromisos vitais na súa aspiración compartida de evitar o descenso á Preferente. Dous partidos nos que se poden axudar a si mesmos, e mutuamente, por canto o C.D. Ribadumia recibirá o Racing Club Vilalbés, decimocuarto con 29 puntos, mentres o Céltiga fai o propio co C.D. Boiro, penúltimo con 27.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

As versións B do Arousa e do Céltiga inician a Copa