Vilagarcía e O Grove vanse de comparsa este domingo

Bea Costa
Bea Costa VILAGARCÍA

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

Na cidade arousá celébrase o certame no auditorio con oito agrupacións e na localidade meca, os grupos están convocados nos bares

02 mar 2019 . Actualizado a las 20:55 h.

As previsións meteorolóxicas non son as máis propicias, de feito en Cambados optaron por aprazar o desfile de carrozas que estaba previsto para esta tarde para unha data aínda por determinar. Pero hai outras actividades que, ao celebrarse a cuberto, si van poder desenvolverse segundo o programa previsto. É o caso do certame de comparsas de Vilagarcía, no auditorio municipal a partir das cinco da tarde e con entrada de balde. Actuarán oito agrupacións chegadas de toda a comarca: A tropa de Mocha a Caralla, Os de Noalla, As máis plus, Leña verde, Marajota e media, Jana de leria, O xoubal e a comparsa da ANPA Dr. Fleming-Anexo.

O certame non ten carácter competitivo pero todos os participantes recibirán unha axuda de 300 euros.

No Grove tamén soarán hoxe as comparsas, pero neste caso nunha ruta deseñada polos bares da vila, que arrincará ao mediodía. As cinco da tarde están convocados no pavillón de deportes os nenos da vila para bailar coa discoteca móbil e con Javi Solla, para participar nun obradoiro de maquillaxe e comer lambonadas. O pavillón de Monte da Vila volverá encherse de entroido vinte e catro horas despois de celebrarse o esperado festival de comparsas, que, un ano máis, volveu ser un éxito de público. Onte ao mediodía, pouco despois de abrirse a venda de entradas, as colas na billeteira xa eran de varios metros.

Na Illa tamén é hoxe un día importante dentro do programa deseñado pola asociación cultural Dorna. As 12.30 horas toca sesión vermú, ás seis da tarde será o pregón, logo sairán os liborios (personaxe tradicional do entroido da Illa) e non faltará o baile infantil.