A unidade de atención temperá do Salnés atendeu o pasado ano a 154 familias

La Voz

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

O servizo é gratuito e presta asesoramento e orientación e apoio ao desenvolvemento ós nenos de cero a seis anos

25 feb 2019 . Actualizado a las 09:34 h.

A Unidade de desenvolvemento infantil e apoio familiar (UDIAF-Salnés) atendeu ao longo do ano 2018 a cento cincuenta e catro familias na súa sede, situada no edificio do centro sociocomunitario situado na rúa Rosalía de Castro, de Vilagarcía.

O vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá, Jaime Ponte, e o equipo da UDIAF, reuníronse a principios de mes no local do servizo, cedido pola Consellería de Política Social para examinar os resultados da actividade asistencial no 2018.

A unidade de atención temperá presta asesoramento e orientación ás familias e apoio ao desenvolvemento ós nenos de cero a seis anos, segundo regula o decreto polo que se crea a Rede Galega de Atención Temperá. Unha parte importante do traballo da UDIAF consiste en coordinarse e colaborar cos profesionais e os recursos que atenden aos nenos dende outros servizos. A tipoloxía dos problemas ou dificultades atendidas abrangue todo o ámbito dos problemas que poidan darse no desenvolvemento infantil: problemas evolutivos, afectivo- emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos.

En total, no ano 2018 atendéronse 154 familias, realizáronse 3059 prestacións de apoio personalizado e 321 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. Debido ao incremento da demanda a demora asistencial aumentou ata os 55 días de promedio.

A UDIAF Salnés forma parte, xunto coas UDIAF do Deza e Bergantiños, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e abriu as súas portas no ano 2009.

No que se refire ao ámbito do Salnés, segundo os resultados correspondentes ao ano 2018 a maior parte das familias atendidas (49%) eran residentes no Concello de Vilagarcía, un 15 % en Cambados, 9 % en Vilanova, 8 % en O Grove, 5 % en Ribadumia, 4 % en Meis, 4 % en A Illa, e 3 % en Sanxenxo e Meaño respectivamente. Nas enquisas anónimas cubertas polas familias o nivel de satisfacción co servizo mantense nun nivel moi elevado, cunha valoración de 4,83 sobre un máximo de 5. «Ditos resultados poñen de manifesto a importancia asistencial do servizo e a confianza que depositan as familias na intervención que se realiza», segundo subliñan desde o propio servizo.

A unidade está conformada por un equipo interdisciplinario con participación de un psicóloga, un psicomotricista, un logopeda e un administrativo. AGAT ven de solicitar un incremento do convenio co obxecto de aumentar o no de profesionais, e cubrir satisfactoriamente o incremento da demanda.

Trátase dun servizo público e gratuíto para as familias da comarca do Salnés. O contacto pode realizarse a través da propia sede, no correo electrónico salnes@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 986 185 580.