Abalo anima os socios do Arousa a relevalo nas inminentes eleccións

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MARTINA MISER

«Levo nove anos de presidente, e penso que xa cumprín con creces», di o directivo, que se confesa «queimado» nun cargo que o ten ás portas dun xuízo penal

13 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este ano vai haber eleccións no club. A xente que queira coller as rendas, que o vaia pensando xa con tempo». O presidente do Arousa, Manolo Abalo, abría esta semana as portas á chegada un inminente relevo á fronte da entidade. Certo é, preto da década no cargo, o mandatario arlequinado xa manifestara en máis dunha ocasión durante todos estes anos a súa disposición a abandonar o posto de aparecer outro socio ou socios con ganas de desenvolver o seu propio proxecto de xestión da entidade. Mais desta volta no anuncio de Abalo semella agocharse un punto de rogo. O dunha persoa que manifesta publicamente que «estou queimado».

Tras uns primeiros anos de traballo arreo para recuperar un club ao borde da desaparición, cun cuarto de millón de euros de débeda e o primeiro equipo na Preferente, Abalo e os seus directivos situaron o Arousa no punto de poder iniciar as xestións para a construcción dunha pequena vila deportiva de titularidade propia. Ata que o caso de Pepe, o ex encargado do material do club, tirou todo por terra. Hipotecando outra vez máis a entidade, cos 100.000 euros xa superados con creces no capítulo de multas e de pagamento doutros conceptos á Seguridade Social. E con Abalo podendo sufrir condena de cárcere pola vía penal aberta en paralelo ao procedemento laboral do caso por parte do avogado do extraballador do Arousa.

«Levo 9 anos de presidente, e penso que xa cumprín con creces. Gustaríame que viñera outra xente», declara o mandatario, visiblemente desgastado tamén polo feito de ir pechar a súa sexta tempada no cargo co primeiro equipo en Terceira fóra da fase de ascenso.

Con todo, adiántase disposto a continuar un ano máis en calidade de responsable dunha xestora «se ninguén se presenta», como as dúas veces anteriores nas que tocou renovar a presidencia con el no cargo. Claro que podería ser, di el mesmo, que para as eleccións un xuíz teña sentenciado a súa inhabilitación.

Cristóbal non deberá pasar por quirófano

«Las noticias fueron bastante buenas. Dentro de lo malo, la hernia es pequeña, y no hay que operar». Con ánimos renovados saía o luns Cristóbal Juncal da consulta de Jacinto López. O doutor vilagarcián descartou que a hernia discal detectada a semana anterior na vértebra L5 da columna do futbolista a través dunha resonancia magnética requira dunha intervención cirúrxica. Con todo, explicou o central do Arousa, «voy a tener que trabajar mucho para volver a estar en condiciones de volver a jugar», ata o punto de que no club cualifican a baixa de Cristóbal, que xa se perdeu os catro últimos encontros de Liga, de indefinida. «No hemos hablado de tiempos», conta o xogador. «Primero hay que conseguir que baje la inflamación. Estoy tomando un montón de medicamentos. Después, a ver si a partir de la próxima semana, puedo empezar con trabajo de piscina», que o xogador alternará con fisioterapia e mais exercicios destinados ao fortalecemento da musculatura das súas costas.