A directiva do Arousa cambia a fase pola permanencia como prioridade

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

«Agora o primordial é salvar a categoría», declaraba onte Manolo Abalo tras unha nova derrota arlequinada na Lomba que acentúa a crise do colectivo de Rafa Sáez

05 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Naiciña, naiciña, que me quede como estou. Con esta frase podería resumirse o estado de ánimo nas oficinas da Lomba tras un novo inesperado tropezo do Arousa de Rafa Sáez no estadio arlequinado. Un 1-2 co vilagarcián Pablo Pillado coma verdugo, abrindo o marcador no minuto 83 de partido para darlle 10 despois os tres puntos en xogo ao penúltimo, Céltiga, desde o punto de penalti. A quinta derrota como local na presente tempada. A sétima do Arousa desde que a mediados de outubro comezase perder a brúxula para rematar á deriva. Sétimo na clasificación provisional, e pese ás dezaseis xornadas de Liga inda por diante, os 10 puntos de separación co cuarto na táboa e vixente campión do grupo galego da Terceira, o Compostela, levaron onte o presidente do club, Manolo Abalo, a asumir a que ten toda a pinta de resultar unha realidade á espera tan só de ser esculpida en mármore polo paso do tempo.

«A situación do equipo vémola todos [...] Sigo dicindo que se encadeamos 3, 4, 5 partidos en positivo podemos estar aí. Pero agora o primordial é salvar a categoría; conseguir os puntos precisos, e o que poida vir despois, que veña», di Abalo, consciente de que, neste momento, os mesmos 10 puntos que separan o Arousa da zona nobre da táboa contabilizan o colchón de seguridade respecto aos tres equipos que caerían hoxe á Preferente de rematar a Liga; o Ribadumia por descenso directo, o Boiro e mais o Polvorín para facerlles oco ao Deportivo B e ao Rápido de Bouzas procedentes da Segunda División B.

A dura realidade de cada semana, reflectida no paupérrimo balance dun equipo que partíu coa vocación declarada de retornar o club á promoción de ascenso á Segunda División B 26 anos despois, obriga a Abalo a ser práctico, e pensar en minimizar danos. Consciente o presidente tras tanta mili enriba do perigo de seguir fabulando coa mirada en alto esquecendo o perigo da altura da caída á que se expón ata o mellor escalador antes de pisar terra firme e segura na cota dos 48 puntos. É por iso que o mandatario arlequinado non esconde que «estou preocupado», se ben pon por diante que «o que hai que ter é tranquilidade».

Fiel ao discurso que mantén desde a súa chegada á presidencia, camiño pronto dos dez anos, Manolo Abalo declárase triste por semellar xa virtualmente imposible «darlle un play-off á afección», algo para o que «estou facendo todo o que podo».

Chegados a este punto, e querendo manter un fío de esperanza -«ímolo tentar ata o último minuto»-, o presidente do Arousa reforza o seu discurso de punto e aparte na tempada subliñando que «este ano hai equipos como o Bergantiños, Racing de Ferrol, Barco, Compostela, ou a U.D. Ourense. Tampouco é para desmerecer rematar entre os seis primeiros con rivais deste nivel».