A Marea da Vila pide solucións aos problemas da biblioteca de Vilagarcía

Vilagarcía LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Acusan ao goberno municipal de facer unha política «superficial e de estética cuestionable»

28 ene 2019 . Actualizado a las 09:51 h.

A Marea da Vila expresou o seu poio á protesta realizada na rúa este sábado para denunciar as deficiencias da biblioteca municipal de Vilagarcía e insiste en solicitar unha solución para as deficiencias que, na súa opinión, presentan as instalacións da rúa Rey Daviña. «Buscar e reformular a biblioteca para adaptala aos seus usos é unha prioridade. Unha Vilagarcía onde se facilite o estudo, é unha Vilagarcía con futuro», sinala a formación política que aglutina sensibilidades de esquerdas e anuncia a súa candidatura ás eleccións municipais.

Marea da Vila acusa ao goberno de Alberto Varela de facer unha política «superficial e de estética cuestionable» e repróchalle que «a biblioteca e o cambio de ubicación non estiveran na axenda do goberno».

«Que o goberno cualifique como ‘pequenos detalles’ as demandas das persoas usuarias, tras catro anos de auténtica pasividade en torno á biblioteca, parécenos unha falta de respecto. Tamén queremos lembrar á concelleira de Cultura que a mención á sala de estudio do auditorio en verán, coa que pretende saír do paso esta semana, custoulle ao goberno infinidade de queixas e varios traslados, dentro do edificio, polas malas condicións. Unha mostra máis de que este goberno improvisa, e improvisa mal».