Os artificieiros do Arousa apréstanse á desactivación do Polvorín

VILAGARCÍA DE AROUSA

OSCAR VíFER

O equipo de Rafa Sáez acode ao campo sintético do filial do Lugo coa presión dos seus 7 puntos de desvantaxe co cuarto clasificado

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa adéntrase esta tarde (18.15 horas) entre as catro ameazantes paredes dun Polvorín que toca desactivar camiño da reconquista desa ampla franxa de territorio delimitada polos 7 puntos que separaban o conxunto adestrado por Rafa Sáez do cuarto posto da táboa antes da disputa da vixésimo primeira xornada de Liga. Coa tensión de verse tan retrasado na contenda por unha praza forte na vindeira fase de ascenso, e sobre todo, pola posibilidade do ensanchamento do terreo perdido en caso de deflagración no feudo do filial do Lugo, os artificieiros do equipo arlequinado buscan 3 puntos que compensen, a lo menos en parte, os 4 cedidos na Lomba as dúas semanas precedentes.

 

A condición de almacén de aprovisionamento na retaguardia do Lugo de Segunda División fixo pensar a máis dun na Terceira que o Polvorín remataría aparecendo na zona nobre da clasificación da Liga. Pero a realidade é dura, e o filial está a pagar o salto de categoría. Pola falta de experiencia da inmensa maioría dos seus futbolistas, cunha media de idade adaptada ao que debe ser un equipo de formación como paso intermedio ao fútbol profesional. E nesta mesma liña, pola perda de quen fora o seu home-gol a tempada pasada, Dani Escriche, incorporado o último verán a todos os efectos ao cadro de persoal do Lugo na categoría de prata do balompé español.

A endeblez defensiva do Polvorín, co sexto rexistro de goles encaixado máis abultado do grupo galego da Terceira, completa o trazo do quinto clasificado pola cola da táboa, con 19 puntos.

O filial do equipo lugués presenta un rasgo máis que, sobre o papel, debera facilitar as tarefas de desactivación dos artificieiros do Arousa. A aposta do seu adestrador por un fútbol de toque e de apertura de espazos é sen dúbida un bo punto de arrinque para os peloteiros de Rafa Sáez. Claro que materializalo despois en 3 puntos no casilleiro é outro cantar.

 

Cristóbal e Mauri, k.o.

Así, o rival do Arousa conseguíu catro dos seus cinco triunfos na Liga como local. Cun campo, A Cheda, de herba sintética de última xeración e de boas dimensións, como aliado.

O Arousa viaxa co xusto, completando a lista de 16 co porteiro xuvenil Manuel Jiménez ao seguir lesionado Aarón. Cristóbal, con ciática, tamén repite na nómina de baixas, á que se une Mauri, que despois dun proceso gripal, sufríu o venres un pinchazo nun aductor. O regreso de Julio Rey á convocatoria é a única boa nova no capítulo de efectivos para un Rafa Sáez que na véspera se refería á cita de hoxe como «un partido para estar moi atento» ante «un rival moi dinámico e ofensivo, que xoga ao mesmo ca nós, nun campo de amplas dimensións». O obxectivo, que o Arousa encadee a cuarta xornada puntuando.