Vives Emprega encamiña cara o mercado laboral a 25 persoas máis

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

O Concello de Vilagarcía e Acción contra el Hambre preparan a sexta edición do programa

25 ene 2019 . Actualizado a las 21:00 h.

O Concello de Vilagarcía, a través da Área de Benestar Social e en colaboración coa organización Acción Contra el Hambre, vai poñer en marcha a sexta edición do programa Vives Emprega. Trátase esta dunha iniciativa de inserción socio laboral que se vén desenvolvendo dende hai dous anos na capital arousá con grandes resultados en canto ao índice de empregabilidade que acadan os seus usuarios. Nesta nova fase recibirán formación 25 persoas en situación de desemprego. Os interesados en acceder ao programa poderán acudir o luns a unha sesión informativa que se desenvolverá ás once da mañá no Auditorio de Vilagarcía.

Vives Emprega é un proxecto creado por Acción Contra el Hambre, que ten como destinatarias a persoas en situación de desemprego que necesiten dar impulso á súa busca laboral. A participación nesta iniciativa de formación e capacitación é totalmente gratuíta, xa que o programa finánciase a través do Fondo Social Europeo e conta ademais cunha subvención do Concello de Vilagarcía.

O obxectivo do programa é, de feito, promover a inclusión socio laboral das persoas con especiais dificultades para acceder ao mercado laboral. Para acadar esa meta, proporciónaselles a formación e o asesoramento necesario para que poidan sacar rendemento ao seu talento e a súa iniciativa mediante a adquisición de habilidades sociais e as competencias que demandan as empresas para contratar traballadores.

Trátase, en definitiva, de poñer en valor as capacidades da persoa para axudarlle a conseguir os obxectivos laborais que cada un se propoña, tanto para acceder ao mercado laboral por conta allea, como por iniciativa propia, fomentando a cultura emprendedora para a posta en marcha dos seus propios proxectos empresariais ou de negocio.

Ademais, cóntase cunha rede de intermediación que facilitará o contacto directo dos usuarios con empresas, eventos de emprego propios e externos, así como talleres con responsables de recursos humanos das empresas da contorna.

Na charla informativa do vindeiro luns participará unha técnico do Vives Emprega que se encargará de resolver as dúbidas dos asistentes sobre o programa a desenvolver entre os meses de febreiro e xuño, así como sobre o proceso de selección dos participantes. Os interesados poden inscribirse alí mesmo ou presentar a súa candidatura a través do mail rvidal@accioncontraelhambre.org; chamando ao teléfono 690 134 584 ou acudindo ás sedes do programa, nas dependencias do Centro de Formación Municipal de Matosinhos o unas oficinas do Coworking DallequeDalle.